PolíticaÚltima hora

Os concelleiros populares da Rúa din “sentirse abandonados polo partido” e o presidente local do PP chama á unidade e ao diálogo

Concelleiros do PP da Rúa, nunha sesión plenaria./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O grupo de concelleiros do PP da Rúa (cun total de 5 edís) “e o noso equipo” vén de emitir un comunicado de prensa para “traslardarlle aos nosos veciños” que “a nosa situación política afástase moito do que debese ser, en circunstancias normais, entre un grupo de concelleiros e o partido que representan”. Din “sentirse abandonados por quen se supón que ha de axudarche e prestarche apoio”.

No texto do comunicado, os concelleiros do PP da Rúa tamén dan a súa opinión sobre “a elección da Xunta Local do partido no Congreso recentemente celebrado, consideramos que se pretendeu vestir de democrática unha elección viciada desde o primeiro momento”. Ademais critican que “persoas que foron colaboradoras necesarias para que o partido ao que din representar non conseguise a alcaldía da Rúa foron participantes activos deste Congreso”.

O grupo municipal do PP rués afirma tamén que “o noso único e firme compromiso é, como foi ata o de agora, cos nosos veciños. A eles representamos e para eles traballamos, como sempre fixemos. E seguiremos facéndoo” e conclúen agradecendo “a todas as persoas, que son moitas, que se achegan a nós para manifestarnos o seu agarimo e o seu apoio”.

 

Avelino García, nunha fotografía tras ser elixido presidente da Xunta Local do PP da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a Xunta Local do PP da Rúa, o seu presidente, Avelino García, apunta que o expresado no comunicado “está un pouco fóra de lugar no senso de que non se contou coa xunta local, trátase da opinión de catro ou cinco persoas”. E, ademais, chama á unidade, lembrando que “o partido está aberto a todo o mundo e que os concelleiros son unha parte importante do partido. Esta semana que entra intentaremos falar co grupo municipal para ver cales son as súas intencións, porque descoñézoas. Eles non contactaron con nós, nin acudiron ao congreso local”.

Avelino García cre que “esas non deberían ser as formas de actuar, pero repito, o partido está aberto e nós estamos abertos a dialogar. Trataremos de reunirnos con eles esta semana e esperemos que veñan e que poidamos reunirnos e dialogar, que iso é o que fai falta”.

Back to top button