Mediada a primeira xornada do X SilFest Valdeorras xa houbo un pouco de todo. Catas, actividades para os nenos, maquillaxe festivaleiro, tatuaxes e música, moita música.
Animando o ambiente xa de tarde, Dani Argü DJ, dando paso aos primeiros artistas da tarde. Ás 20 horas abría o cartel Mazu, a nova cara do indie-pop con nostalxia dosmilera que chegaba ao SilFest Valdeorras 2026 para recuperar a esencia do pop rock español dos anos 2000. Este cuarteto berciano formado en 2025 por Marta Crespo Arias (voz), Jorge (guitarra), Mario (baixo) e o outro Jorge (batería) actualiza o legado de bandas como La Oreja de Van Gogh ou Pignoise levándoo a un terreo contemporáneo cargado de guitarras cañeras e retrousos pegadizos que nacen para ser gritados a pleno pulmón. Con raíces que conectan Ponferrada e Valdeorras, xa que un dos seus compoñentes é do Barco, Mazu constrúe a súa proposta musical sobre dous piares fundamentais: letras honestas sobre a cotiandade e unha produción onde as guitarras e os retrousos son os auténticos protagonistas, buscando sempre a conexión inmediata co público. Prometía ser unha das actuacións máis enerxéticas e emocionantes dofestival á beira do Sil e non defraudou.
E mentres se retiraba Mazu do escenario, volvía picar Dani Argü DJ, dando paso á segunda banda dun cartel especialmente deseñado para celebraro X aniversario do festival, directamente dende León, Zabriski, unha das propostas máis sólidas do pop rock psicodélico español que regresaba ao SilFest Valdeorras tras o seu paso por edicións anteriores do festival. Fundada orixinalmente en 2003, a formación actual consolidouse en 2016 mantendo o nome orixinal para preservar o seu legado, e está composta por Juan Marigorta (voz e guitarra, cerebro creativo do proxecto), Alberto de Gabriel (guitarra), Alex Modia (batería) e Carlos Arede (baixo), fusinando con mestría os elementos melódicos do pop, a enerxía do rock e as sutilezas inmersivas da psicodelia, creando un son enigmático que combina o legado de dous lustros musicais fundamentais: do 65 ao 69 e do 95 ao 99, con influencias maiormente inglesas adaptadas ao castelán que os conectan coa temporalidade do pop español dos Segredos, Antonio Vega ou Cooper. Toda unha experiencia sonora envolvente e profunda á beira do Sil.
Os seguintes en actuar serán Begut, e xa de madrugada La Paloma e Bum Mottion Club, pechando a primeira xornada Hawkins DJs.


Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.
