
O PP vén de emitir unha nota de prensa na que sinala que o “pasado 6 de maio de 2026, os deputados ourensáns do PP, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana e as deputadas leonesas Ester Muñoz e Silvia Franco rexistraron no Congreso esta pregunta dirixida ao Goberno. O BOE do 16 de abril de 2026 incluíu o Anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polo que se publica a Resolución do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible (MITMS) pola que se aprobaba o expediente de Información Pública e definitivamente o proxecto de construción: Autovía A-76 Ponferrada- Ourense. Tramo: Villamartín da Abadía – Requejo. Provincia de #León. Daquela o BOE do 23 de abril publicou unha corrección de erros do citado anuncio“.
Despois deste trámite de aprobación definitiva do proxecto de construción, aseguran que “seguimos á espera da licitación das obras que debería ter lugar o máis axiña posible e en todo caso entre xuño e setembro de 2026″.
Nese senso, os deputados presentaban a seguinte pregunta: ” Que data de 2026 compromete o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible para licitar as obras da Autovía A-76 Ponferrada – Ourense, Tramo: Villamartín da Abadía -Requejo?”.
Na nota de prensa o PP tamén sinala que o “11 de xuño de 2026 chegou a resposta do Congreso: “En relación co asunto interesado, sinálase que a licitación das obras do tramo Villamartín da Abadía-Requejo da Autovía A-76 Ponferrada-Ourense atópase entre as prioridades de actuación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible, de acordo coa planificación vixente e as dispoñibilidades orzamentarias”.
Os populares din que “unha vez máis” o Goberno “elude comprometer unha data concreta de licitación das obras. A pregunta formulada polos deputados populares era moi explícita e a resposta é elusiva, refuxiándose en utilizar a referencia xeral de que “se atopa entre as prioridades de actuación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible” e condicionada por “dispoñibilidades orzamentarias”. É o mesmo que nos dixeron en 2023 e en 2025 e os incumprimentos foron flagrantes”.
A nota do PP conclúe indicando que “a piques de vencer o primeiro semestre de 2026 e despois de tantas demoras non é xustificable un novo atraso. Os ourensáns e leoneses, bercianos e valdeorreses estamos fartos de escusas e falsas promesas. Urxe ver xa publicada no BOE a licitación destas ansiadas obras”.

