Que tipo de permisos laborais existen para as mulleres que son nais ou conciliar a vida laboral e familiar. Son algunhas das cuestións que se abordaban nunha charla que organizaba estaba tarde a Asociación De Nai a Nai, na súa sede no Barco. O seu título era “Ferramentas para a volta ao traballo tras a lactación”.
A sesión, de acceso libre e gratuíto, estaba impartida por Lorena Prada, nai dunha filla e un fillo aleitados, enfermeira e Consultora Internacional Certificada en Lactación Materna (IBCLC), quen explicaba os diferentes permisos remunerados e non remunerados que afectan á vida laboral das nais, con especial énfase “naqueles que permiten pospoñer a reincorporación ao traballo tras o parto”. Tamén se explicaban outros permisos orientados ao coidado dos bebés e menores, e aqueles que responden a necesidades concretas en diferentes contextos familiares.
Pese a que “o discurso social actual pon en valor a conciliación entre a vida laboral e familiar”, apuntaba a relatora, “o permiso de maternidade segue sendo o mesmo desde hai máis de 30 anos, sen adaptarse ás necesidades reais das familias nin ás recomendacións de organismos como a OMS, que aconsella a lactación materna exclusiva durante os seis primeiros meses. Neste sentido, o permiso actual deixa un baleiro de dez semanas non cubertas, o que demostra a súa insuficiencia”.
Fotos: A.R.