
Dende a Asociación De Nai a Nai vén de anunciarse unha serie de charlas divulgativas que terán lugar os días 7 e 28 de maio ás 17:30 horas na sede desta entidade no Barco (en rúa Academia Dequidt nº6 -edificio biblioteca pública, 4º piso). Ambas charlas serán impartidas por Lorena Prada Fernández, nai dunha filla e un fillo aleitados, enfermeira e Consultora Internacional Certificada en Lactación Materna (IBCLC). Serán de acceso libre e gratuíto.
A primeira delas, prevista para o 7 de maio, centrarase nos “Dereitos laborais durante a maternidade”. Co ela búscase informar e concienciar sobre os permisos laborais existentes para as mulleres que son nais, e visibilizar as carencias do sistema actual en materia de conciliación.
“Durante o encontro abordaranse os diferentes permisos remunerados e non remunerados que afectan á vida laboral das nais, con especial énfase naqueles que permiten pospoñer a reincorporación ao traballo tras o parto. Tamén se explicarán outros permisos orientados ao coidado dos bebés e menores, e aqueles que responden a necesidades concretas en diferentes contextos familiares”, adianta Lorena Prada.
Así mesmo a relatora sinala que, pese a que “o discurso social actual pon en valor a conciliación entre a vida laboral e familiar, o permiso de maternidade segue sendo o mesmo desde hai máis de 30 anos, sen adaptarse ás necesidades reais das familias nin ás recomendacións de organismos como a OMS, que aconsella a lactación materna exclusiva durante os seis primeiros meses. Neste sentido, o permiso actual deixa un baleiro de dez semanas non cubertas, o que demostra a súa insuficiencia”.
Por iso nesta charla preténdese achegar “ferramentas útiles, aclarar dúbidas e abrir un espazo de reflexión sobre os dereitos laborais durante a maternidade e a necesidade urxente de avanzar cara a un modelo máis xusto e equitativo”.

Charla “Ferramentas para a volta ao traballo durante a lactación”
Xa a finais de maio, en concreto o día 28, Lorena Prada abordará noutra sesión as “Ferramentas para a volta ao traballo durante a lactación”. Este é un momento “clave na continuidade da lactación materna. En España, o permiso de maternidade é de 16 semanas, un período que non alcanza os 6 meses de lactación materna exclusiva que recomenda a Organización Mundial da Saúde. Esta diferenza de tempos xera retos importantes para moitas familias”, comenta Prada.
Nese senso xurde esta charla, dirixida a nais, pais e persoas coidadoras que desexan continuar coa lactación exclusiva tras a reincorporación laboral da nai. No seu decurso falarase das “diferentes estratexias e recursos prácticos para facilitar a continuidade da lactación neste momento de transición. Falaremos de horarios, xornadas laborais, extracción e conservación do leite na contorna de traballo, e métodos adecuados para a alimentación do bebé en ausencia da nai. Sabemos que, aínda que gran parte do esforzo recae na nai, o seu éxito tamén depende do acompañamento da contorna: a parella, a familia, a contorna laboral e social, así como dun plan personalizado de lactación e o apoio dos grupos de apoio á lactación”.
Por iso esta conferencia busca “ofrecer ferramentas concretas e realistas, adaptadas a distintas situacións, para que cada familia poida decidir e actuar en función das súas circunstancias e desexos. Porque cada lactación é única, e tamén o son os camiños para mantela”, conclúe Lorena Prada.