Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Os desafíos do sector vitivinícola ourensán, analizados polo Foro Económico de Galicia

O informe desta entidade amosa que esta industria constitúe un sector estratéxico para a economía galega non só polo seu peso económico, senón tamén pola súa dimensión social, cultural e medioambiental

Os principais retos do sector vitivinícola galego pasan polo aumento do tamaño das explotacións, o fomento da profesionalidade, a xeración de sinerxías con outros eidos (turismo e gastronomía, fundamentalmente) e por apostar por un modelo de negocio de xeración de valor baseado en diferenciación, calidade e singularidade. Así o resumía o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación na mañá do 25 de xaneiro en Ourense do informe do Foro Económico de Galicia sobre a planificación e proxección do sector do viño na comunicado, elaborado por José Francisco Armesto e Patricio Sánchez.

O estudo amosa que a industria vitivinícola constitúe un sector estratéxico para a economía galega non só polo seu peso económico, senón tamén pola súa dimensión social, cultural e medioambiental. Galicia conta con cinco das 90 denominacións de orixe existentes en España, catro delas (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra) concentradas na provincia de Ourense (unha compartida con Lugo).

En relación co obxectivo de profesionalizar o sector, o titular de Medio Rural explicou que cómpre incorporar xente nova á actividade e mellorar a dinámica innovadora e outros ámbitos claves, como a comercialización e a internacionalización deste eido produtivo.

Neste documento do Foro Económico defínese o mundo do viño como un sector tradicional, que malia esta consideración non deixou de innovar para adaptarse aos cambios nos patróns de produción e consumo. Neste proceso tiveron un papel fundamental os consellos reguladores das denominacións de orixe, en especial no que atinxe á identificación da orixe xeográfica dos viños, o recoñecemento do produto polos consumidores e a garantía da súa calidade.

O estudo conclúe tamén que o sector galego debe aproveitar a posición de liderado de España en volume de exportacións, pero mellorando no eido dos prezos a través da aposta pola calidade. Nesta liña, o conselleiro indicou que Galicia presenta un escenario produtivo tradicional, que ten aspectos positivos, como a aposta pola calidade, singularidade e sustentabilidade ambiental como piares para o incremento do valor e a expansión cara novos mercados.

Camiños rurais

Antes desta presentación, o conselleiro e o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, mantiveron unha xuntanza de traballo na que abordaron, entre outros temas, o da mellora das infraestruturas rurais. De feito, a estadía de José González en Ourense completouse cunha visita ao camiño das Regueiras, que está a ser obxecto de mellora dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) da consellería correspondente a 2018. Esta iniciativa en particular suporá un investimento por parte de Medio Rural que supera os 26.000 euros e intégrase no conxunto de actuacións do PIR en Ourense, que contará cunha achega total de máis de 88.000 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button