ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Os detalles do novo Regulamento de Estranxeiría, nunha sesión organizada no Barco pola Subdelegación do Goberno

Desenvolvíase esta mañá no Multiusos e a súa apertura corría a cargo de Eladio Santos

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, inauguraba esta mañá no Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras unha nova sesión informativa sobre o novo Regulamento de Estranxeiría. Estaba acompañado polo alcalde barquense, Alfredo García, e polos relatores da xornada. “Búscase actualizar a Lei de Estranxeiría, preténdese responder ás necesidades das persoas inmigrantes, da situación demográfica da nosa provincia e do actual mercado laboral”, explicaba.

 

 

As tres chaves ou eixos para a inclusión de inmigrantes que se contemplan coa nova regulación son a formación, a familia e o emprego. “Todo con garantías xurídicas, para que aquelas persoas que queiran ter un proxecto de vida e de traballo no noso país teña a seguridade xurídica precisa para logralo”, matizaba Santos.

A do Barco é unha das charlas divulgativas, impartidas pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, e funcionarios da Subdelegación, que se están a levar a cabo nas capitais de comarca da provincia coa finalidade de achegar os cambios nesta lexislación, xunto con aclaracións sobre os procedementos de regularización de estranxeiros tanto relativos á concesión de premisos de traballo como de residencia.

 

 

“Queremos dar a oportunidade de que as persoas migrantes que veñen a este país a traballar e a aportar teña, da maneira máis sinxela e segura posible, a oportunidade de desenvolver un proxecto de vida, persoal e laboral o que tamén fortalece o noso estado do benestar, a nosa situación demográfica e o noso mercado laboral”,  engadía o subdelegado do Goberno.

A sesión continuaba da man da xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, quen comezaba realizando un resumo do marco xurídico de normas que afectan a esta materia, así como con outros dous funcionarios da Unidades de Estranxeiría da Subdelegación.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button