O salón de plenos do Concello de Viana do Bolo acollía esta mañá a presentación dos programas do Entroido neste municipio, así como nos de Vilariño de Conso e Manzaneda. O acto contaba coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacaba o papel destas tradicións como elementos de desestacionalización turística no interior galego.
“Dentro do que supón a oferta turística, agora mesmo, o Entroido estase vendo como unha das primeiras manifestacións culturais e máis importantes de cara á desestacionalización turística. Agora mesmo é a gran festa do inverno. Tedes sorte os concellos con Entroidos con tanta personalidade como para poder atraer a visitantes nestas datas de febreiro e marzo. É certo que hai tamén Entroidos noutros puntos de Galicia que tamén son de interese turístico, se ben é moi satisfactorio que no entorno rural, como este das montañas do oriente ourensán, se poidan concentrar tres manifestacións cunha capacidade excelente para poder atraer visitantes e todo isto unido a grandes celebracións gastronómicas como a festa da androlla, con máis de 50 anos, e a de Vilariño de Conso. Este é un polo de atracción dos máis importantes”, indicaba Merelles.

Ademais referíase á iniciativa na que traballan os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda de lograr a declaración de interese turístico nacional para os seus Entroidos, que xa teñen a de interese turístico galego. En concreto, Viana do Bolo ten este recoñecemento desde 1999, ao que se sumou Manzaneda en 2008. O máis tardío foi o de Vilariño de Conso, que logrou este título en 2016.

“Aí está o traballo sixiloso que levan facendo os tres alcaldes dende hai máis dun ano para que cada unha destes Entroidos, conxuntamente e independentemente, poidan ser festas de intersese turístico nacional, a tres son de interese turístico galego agora mesmo. Ese traballo está moi maduro”, dicía Merelles, anunciando que Turismo de Galicia apoiará os Entroidos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda nas xestións necesarias para seren declarados Festa de Interese Turístico Nacional. “A Xunta ten que facer un informe sobre a festa e vai ser totalmente positivo. Non podemos dar unha data de cando se presentará isto, pero está moi maduro e nun prazo dun mes poderase enviar dende os Concellos a documentación en Madrid”.
Durante o acto de presentación cada un dos alcades destacaba os actos e singularidades desta no seu municipio. Así o de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, que abría o acto daba paso ao de Manzaneda, Amable Fernández, quen se refería principalmente, á data do Martes de Entroido nesta vila, con desfile de fulións.
Ver vídeo coa intervención do concelleiro de Cultura de Viana

Despois interviña a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen falaba da data do Sábado do Entroido, tamén con desfile e Festa do Cabrito. No caso de Viana do Bolo, interviña o seu concelleiro de Cultura, Marcos Vázquez, quen detallaba o programa facendo especial fincapé na data do Domingo Gordo, con desfile de fulións e a Festa da Androlla
Fotos: Carlos G. Hervella.