O centro de día de Manzaneda acollía esta mañá a presentación da programación dos Entroidos deste municipio, así como dos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que agrupados baixo a denominación de “Entroidos do Oriente Ourensán” estrean o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional neste 2026.
O acto contaba coa presenza dos tres alcaldes deste municipios, o de Manzaneda, Pedro Yáñez, o de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, e a de Vilariño de Conso, Melisa Macía; así como coa xerente do Inorde, Emma González, e co representante de Turismo de Galicia en Ourense, Cecilio Santalices.
Cada un dos rexedores expoñían o actos principais do seu Entroido, con datas principais como será o no caso de Vilariño o sábado 14 de febreiro, co desfile de fulións e a Festa do Cabrito; o 15 de febreiro Domingo Gordo en Viana do Bolo con desfile de fulións, Boteiros e carrozas coa 54ª Festa da Androlla; e o Martes de Entroido en Manzaneda con desfile de fulións e Mázcaras e o seu xantar popular. Ademais de destacar a importancia cultural e tradicional desta celebración, tamén incidía no seu carácter como dinamizador socioeconómico.
Nesa mesma cuestión incidía a xerente do Inorde. “Esta programación é un sinal importante de identidade para a nosa a provincia e especialmente para este Macizo Central Ourensán. Dende a Deputación e Inorde vimos, durante moitos anos, tratando de apoiar a posta en valor, e agradecer tamén ás distintas asociacións que preservan estas tradición. E é bonito ver como se mantén ese relevo xeracional e ese vínculo de persoas que ao mellor non viven aquí ao longo do ano, pero que regresan nesta época”. Emma González concluía apuntando que o Entroido “é moito máis que esa manifestación cultural, tamén é un motor económica nunha época do ano que nos axuda a desestacionalizar”.
De forma similar se manifestaba Cecilio Santalices, resaltando tamén o recoñecento destes Entroidos como Festa de Interese Turístico Nacional. “Isto faise para que desfrute a xente de aquí, pero tamén para facer desfrutar á xente. Eu espero que veña moita xente a vivilo. Este é un Entroido único, enxebre e típico de aquí e ten un tirón e supón un motor económico”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.


