CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os escolares triveses coñecen de preto o oficio dos zoqueiros con Elena Ferro

Artesanía na Escola é unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais entre os escolares de Primaria de toda Galicia, impulsada pola Xunta desde o ano 2023

 

A Fundación Artesanía de Galicia leva de novo o proxecto Artesanía na Escola ata o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, para amosarlles aos nenos e nenas o oficio tradicional da elaboración de zocos, a través da figura de Elena Ferro, protagonista da unidade didáctica Eu son zoqueira. A semana pasada, o centro xa recibira a visita de Xosé Manuel Sanín, como complemento á unidade didáctica Eu son artesán de percusión tradicional.

Durante a súa demostración, Elena Ferro falou da relevancia dos zocos ao longo da historia, especialmente no rural galego, ao tempo que realizou unha demostración en vivo da elaboración deste calzado tradicional que desde o seu obradoiro familiar Eferro (Merza, Vila de Cruces) continúan a elaborar incorporando cores, texturas e formas diferentes, para adaptalo ao xeito de vestir contemporáneo. O obradoiro Eferro, que conta con máis de cen anos de historia, viu recoñecido o seu traballo co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegarlles os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e o profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

O proxecto conta xa cunha terceira unidade didáctica, dedicada á elaboración dos sanandresiños, os tradicionais amuletos típicos de Santo André de Teixido (Cedeira). Protagonizada polo artesán Jorge Bellón, leva o título de Eu son artesán de figuras de pan.

 

Back to top button