No corazón da Serra de San Mamede, entre corgas, penedos, ríos e covas achamos a orixe do Felo, máscara de xesto autoritario e sorriso socarrón, coroada pola ilustración dun animal ou ave rapaz, representativa da serra e do Entroido de Maceda.

O seu espírito foise modificando e a soidade do Felo transformouse en grupos de felos, aos que nos anos 80 incorporáronse os cativos e as mulleres. Esencialmente anárquico e rebelde, a diferenza do Cigarrón e do Peliqueiro, o Felo non pide diñeiro e co seu sorriso retranqueiro representa a virilidade máis fidedigna. Pódeselle insultar, pero endexamais tocar nin tentar sacarlle a carauta, sendo a autoridade no Entroido que en Maceda comeza co soar das chocas na noite de Aninovo percorrendo as rúas, e rematará co Enterro do Meco.
Sen perder a condición natural da serra como dominio absoluto, os felos pódense atopar nas aldeas do municipio de Maceda ou mesmo na vila, durante as semanas do calendario do Entroido, aínda que o acto maioritario lévase a cabo neste sábado 14 de febreiro, facendo un percorrido pola parte alta da serra, xogando coa xente, comendo e bebendo en cada parada, e rematando ás 21 horas coa baixada Marela. Un evento que comezou como unha brincadeira entre amigos e co tempo foise convertendo nun dos destacados do Entroido na Serra de San Mamede, baixando dende o Alto do Toural unha procesión moi numerosa, con máscaras de madeira, peles, cornos e ‘chocas’ representando xente que vive no campo e acompaña a viaxe da vaca, figura recuperada hai máis dunha década.

Mañá, Domingo de Entroido, os felos repetirán o percorrido.

Fotos: Carlos G. Hervella.