Mantendo a elección deste ano, os festivos locais da Rúa para o ano 2027 serán o 14 de xuño, coincidindo coas festas de San Antón en Fontei; e o 23 de agosto, coincidindo coas festas de San Roque, na Rúa Vella. Así se aprobaba, malia as cinco abstencións do PP, no peno celebrado na tarde do 7 de setembro.
Era un dos últimos puntos da orde do día, o anterior á renuncia de José Vicente Solarat como concelleiro, sendo el mesmo quen interviña, por última vez, no pleno, como responsable de festexos e cultura. Explicaba que dado que o ano que vén son eleccións e o novo alcalde ou alcaldesa non tomará posesión ata o mes de xuño, deixan unha programación máis ou menos perfilada, sobre todo en canto ao apartado musical, máis complicado para contratar co tempo tan xusto. Así pois, Solarat adiantou que o lóxico será celebrar as festas de verán do 6 ao 8 de agosto e a Baco Festa do 13 ao 15, quedando pendente O Son da Estación.
Con respecto á actividade cultural de outono/ inverno, arrincará o 2 de outubro con teatro no Centro Cultural Avenida (Neura para xa o 17 comezar coa proxección de cine. A festa do Codillo será coma sempre no último sábado de xaneiro, nesta ocasión o día 30.
Neste pleno ao que non asistía Fernando Rodríguez do R.U.A. tamén se aprobaban coa abstención do PP, o peche e liquidación do orzamento, unha modificación de créditos e un recoñecemento extraxudicial de créditos.
Fotos: Mónica G. Bellver.