SanidadeÚltima hora

Os hospitais do Barco, Verín e Ourense recollen mostras para o proxecto Xenoma Galicia

Na provincia están a participar veciños dos concellos de San Cibrao das Viñas, Rubiá e Monterrei

 

Os tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están a realizar hoxe sábado a segunda fase da recollida de mostras de sangue para o Proxecto Xenoma Galicia que comezou o sábado anterior e na que participarán cerca de 210 ourensáns.

Nesta mañá teñen sido convocados un total de 105 veciños de tres concellos da provincia de Ourense que foron invitados a participar neste proxecto: 35 veciños do Concello de San Cibrao das Viñas no Hospital Universitario de Ourense, outros 35 do Concello de Rubiá no Hospital Público de Valdeorras e por último tamén 35 veciños do Concello de Monterrei acudiron a súa cita no Hospital Público de Verín.

A posta en marcha na comunidade do proxecto Xenoma Galicia supón unha iniciativa pioneira que vai permitir avaliar o mapa xenómico de un de cada sete galegos, é dicir, 400.000 residentes na comunidade. Un feito que marca o inicio desta iniciativa, que botou a andar o pasado sábado e que continúa hoxe nos 14 hospitais galegos, coa recollida de probas a un total de 1.000 galegos.

Así, os chamados a participar pertencen a 15 concellos:

Urbáns (A Coruña, Vigo),

Semiurbáns: Valdoviño, A Illa de Arousa, Vilaboa, Brión,

Rurais: San Cibrao das Viñas, Monterrei e Rubiá, O Pino, Dumbría, Lousame, O Corgo, Pantón e Xove.

O vindeiro ano 2025, o proxecto Xenoma Galicia continuará coa toma dun millar de mostras de saliva. Con esta fase piloto Galicia dá os primeiros pasos para un proxecto que amosa o bo facer e o traballo diario da sanidade pública galega e cuxo obxectivo é recompilar o ADN de 400.000 galegos de 35 a 70 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco, o que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan e ofrecer tratamentos individualizados.

Triplo obxectivo

Neste sentido, nesta primeira fase que se inicia hoxe, buscaranse alteracións relacionadas co cancro de mama e ovario hereditarios, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ademais, Xenoma Galicia ten outros dous grandes obxectivos que pasan por crear un gran biobanco de datos xenómicos –con datos de 100.000 persoas e que servirá para a investigación biosanitaria– e consolidar a Galicia e Santiago como un polo de investigación e innovación na materia.

Cómpre destacar que a sanidade pública galega xa leva camiño andado para estar á vangarda da medicina personalizada, destacando a futura posta en marcha do centro de protonterapia en 2026 e o centro de terapias CAR-T que xa está operativo, así como na prevención ao ter o calendario vacinal máis completo do mundo, o cribado neonatal máis completo de España ou os programas de cribados de cancro.

O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta a través da Consellería de Sanidade co liderado científico do director da Fundación Pública de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo.

Obxectivos do Piloto

  • Meta Xeral: Avaliar un enfoque de cribado xenético preventivo para identificar variantes de ADN asociadas a enfermidades hereditarias.
  • Obxectivo Específico do Piloto: Tomar mostras de sangue a 1.000 persoas e crear unha cohorte nun biobanco para futuras investigacións biomédicas.

Poboación Diana

Criterios de Inclusión:

  • Idade entre 35 e 70 anos, residentes en Galicia.

Criterios de Exclusión:

  • Menores de 35 e maiores de 70 anos.

Selección de Mostra e Participantes

  • Tamaño Mostral: 1.000 participantes.

 

  • Distribución por Ámbito:

Urbano: 2 Concellos, 140 participantes.

Semiurbano: 4 Concellos, 280 participantes.

Rural: 9 Concellos, 630 participantes.

Proceso de Participación

  • Invitación a Participar:

Elección aleatoria a través de Tarxeta Sanitaria: 2.000 invitacións

Envío de SMS con enlace a unha páxina web

Autocita por SERGAS móbil

Datas da primeira fase

Sábados 14 e 21 de decembro 2024 pola mañá

3 tramos horarios (8-11:30 am)

Nos 14 hospitais de referencia:

Hospital Universitario de Ourense, Hospital Público de Verín, Hospital Público de Valdeorras, Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Hospital Público do Salnés, Hospital Universitario de Pontevedra, Hospital Público de Cee, Hospital Universitario de Santiago de Compostela, Hospital Universitario A Coruña, Hospital Público de Barbanza, Hospital Universitario de Ferrol, Hospital Lucus Augusti de Lugo, Hospital Público de Monforte e Hospital Público de Burela.

Back to top button