En portadaÚltima hora

Os incendios de Requeixo e Parafita (Chandrexa) únense nun só, que segue activo, con máis de 10.500 has afectadas

A provincia ten outros cinco grandes incendios activos: Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, que tamén se uniron, con 2.200 ha), Oímbra-A Granxa (5.000), A Mezquita-A Esculqueira (4.500 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (200 ha) e Larouco-Seadur (150 hectáreas)

Incendio Requeixo-Parafita (Chandrexa de Queixa)./ Foto cedida.

 

A provincia de Ourense, que continúa no seu conxunto en Situación 2, rexistra arestora, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural, un total de seis grandes incendios activos, tendo en conta o feito de que os dous incendios de Chandrexa de Queixa, os de Requeixo e Parafita, veñen de xuntarse e conformar un só lume.

Os datos de cada un dos incendios da provincia son os seguintes:

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita)

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Os dous acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 10.500 hectáreas, parte delas tamén no municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 21 técnicos, 95 axentes, 134 brigadas, 77 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse en total 8 técnicos, 64 axentes, 96 brigadas, 63 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) 

Activo Oímbra-A Granxa

Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 5.000 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 13 técnicos, 35 axentes, 53 brigadas, 35 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 20 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 11 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses. 

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde onte mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 6 axentes, 2 brigadas, 7 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 de onte mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 14 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 2 helicópteros e 2 avións. 

ESTABILIZADOS

Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 23.37 horas do luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que se iniciou o domingo ás 17.30 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 21 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

Estabilizado Ourense-Seixalbo

Desde as 00.51 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Vilardevós-Moialde

Continúa estabilizado desde as 10.02 do martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, este lume, que se iniciou ás 16.05 horas do luns, afecta arredor de 40 hectáreas e polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 11 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 6 avións.

CONTROLADOS

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 7 avións.

 

Back to top button