EconomíaEconomíaÚltima hora

Os incendios forestais e os retos do cambio climático nos montes galegos, nunhas xornadas en Lugo

Os expertos destacan que cada vez son máis frecuentes os chamados incendios de sexta xeración, case imposibles de apagar e moi perigosos para as persoas que loitan contra o lume

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, inauguran o vindeiro luns, 17 de novembro, as “XXXVI Xornadas Luis Asorey”. Esta edición versa sobre a situación actual e os retos aos que se enfronta o sector forestal galego, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se desenvolverán ata o 27 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición neste ciclo, no que tamén se pode participar de xeito online, é gratuíta.

O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago), presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico da RAGC. Á inauguración das xornadas asistirá o presidente da Academia, Juan Lema; a delegada do Campus Terra, Elvira López; xunto a representantes da Deputación de Lugo.

Esta primeira conferencia centrarase nalgúns dos principais retos do sector forestal galego, en particular os incendios forestais, os efectos do cambio climático nos nosos montes e a moratoria do eucalipto -que acaba de ampliarse ata 2030-. Impartiraa o propio Antonio Rigueiro. En relación ao cambio climático, o profesor pon de relevo que “a pesar de que aínda queden algúns negacionistas, parece cada vez máis evidente, e está a ter unha incidencia notable nos incendios forestais. E, a medio e longo prazo tamén se agarda que repercuta nas especies forestais”. Con respecto a isto, indica que “as proxeccións que coñecemos sinalan que a raia que separa o mundo florístico eurosiberiano do mediterráneo elevarase en latitude e as especies arbóreas eurosiberianas como os carballos verán a súa área desprazada cara ao norte e a máis altura, ocupando parte da súa área actual especies mediterráneas como a aciñeira ou a sobreira”.

 

Antonio Rigueiro./ Cedida.

 

Antonio Rigueiro: “Galicia ten pendente a aprobación da necesaria lei de prevención de incendios”

No relativo aos incendios forestais, o catedrático lembra que “este ano castigaron especialmente á provincia de Ourense e o sur de Lugo, cun total de 130.000 hectáreas queimadas, e un incendio de 30.000 hectáreas ten a triste honra de ser o lume forestal galego de maior extensión desde que temos datos”. Rigueiro apunta que “cada vez son máis frecuentes os chamados incendios de sexta xeración, moi difíciles, case imposibles de apagar, e moi perigosos para as persoas que loitan contra o lume. Afortunadamente, vai medrando a idea de que hai que atender máis á prevención: ordenación do combustible, concienciación da sociedade, medidas policiais e xudiciais…”. Nesta liña, salienta que “Galicia ten pendente a aprobación da necesaria lei de prevención de incendios”.

Por outro lado, o experto afondará na moratoria que prohibe as novas plantacións de eucaliptos. Con respecto a este tema, lembra que “o Parlamento de Galicia e o Plan Forestal de Galicia estableceron a necesidade de controlar e reducir a superficie dedicada aos eucaliptos en Galicia e no ano 2021 a Xunta de Galicia estableceu unha moratoria que prohibía realizar novas plantacións desta especie ata o 31 de decembro de 2025, excepto nos terreos nos que xa medraban estas mirtáceas, camiño que tamén seguiron Portugal e o País Vasco. “Ao achegarse o fin da moratoria, diversos colectivos realizaron propostas variadas e, finalmente, a Consellería do Medio Rural decidiu prorrogala ata o ano 2030, con dúas excepcións: terreos con eucaliptos con baixa produción (enfermos, fóra de estación…), dos cales un 75% da superficie poderá plantarse con eucaliptos noutras parcelas do mesmo ou de distinto propietario; e terreos con piñeiros afectados gravemente pola doenza da banda marrón, nos que se poderán plantar eucaliptos nun 50% da superficie durante unha quenda de corta”           -explica o profesor Rigueiro-.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas xornadas.

Back to top button