CulturaCulturaÚltima hora

Os Institutos de Estudos Berciano e Valdeorrés visitan un antigo poboado mineiro en Cadafresnas (Corullón)

 

O antigo poboado mineiro de La Piela, na localidade berciana de Cadafresnas, Corullón, acollía na mañá deste sábado 28 de febreiro o III Acto de Irmandamento entre o Instituto de Estudos Bercianos e o Instituto de Estudos Valdeorreses, baixo o lema “Dúas institucións cun mesmo obxectivo: defender o patrimonio e o legado de dúas comarcas históricas”.

Dous autobuses achegaron aos socios de ambos os colectivos ata o lugar, un espazo rehabilitado aos pés da Pena do Seo que aspira a converterse nun referente cultural e turístico do Bierzo. Alí, baixo a atenta mirada de máis dun centenar de asistentes, o historiador e coordinador da Cátedra de Territorios Sostibles e Desenvolvemento Local da UNED, Francisco Balado, e a súa compañeira Valeria Rodríguez, presentaron o programa de actividades para dotar de contido ao Centro de Recepción de Visitantes “A Montaña Negra” que inaugurou a actividade programada por ambos os institutos.

 

 

O presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, felicitou ao Bierzo “por ter este poboado xa restaurado”, debido a que, explicou, “o IEV leva máis de 40 anos pedindo ás administracións que rehabiliten o poboado mineiro de Valborraz, en Carballeda de Valdeorras”. Despediu a súa intervención desexando que “algún día podamos volver vernos á mesma altura que aquí, pero nos montes de Carballeda”.

Tras as presentacións, os asistentes puideron gozar da conferencia “O noso patrimonio mineiro”, a cargo do Doutor Enxeñeiro de Minas, Roberto Matías, quen realizou un percorrido pola historia da minería de diferentes materiais, nas comarcas veciñas do Bierzo e Valdeorras, dando a coñecer a información e imaxes dispoñibles das minas de wólfram da Piela, Valborraz, e doutras coñecidas do territorio.

Tras a conferencia, celebrouse unha comida nas instalacións da Térmica Cultural de Ponferrada.

Back to top button