O xornalista e historiador valdeorrés Christian Barrio Fernández vén de presentar o seu novo libro “Os irmaus do Cantón. San Vicente de Leira en la Guerra Civil, una historia olvidada para un pueblo olvidado” en Vilamartín de Valdeorras. O acto, que tiña lugar na tarde do 5 de setembro, desenvolvíase no Centro Cultural Santa Lucía e contaba coa asistencia de numerosas persoas.
Na presentación, que resultaba sumamente emotiva, o autor do libro estaba acompañado polo investigador Santiago Macías e por Aurelio Blanco, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses. As intervencións abríaas a alcaldesa de Vilamartín, Sherezade Núñez.
Esta obra, a de maior peso histórico das tres publicadas por este autor ata o momento, está adicado á memoria “do meu bisavó Domingo Fernández Vega e do seu irmán Juan Fernández Vega, cuxas historias personificaron a catástrofe da Guerra Civil”. Con el rescata do esquecemento unha historia “oculta, silenciada e traumática”. Pero que vai máis alá do persoal para abordar a realidade dunha comunidade do rural como era a de San Vicente Leira, pero tamén a dun concello como Vilamartín e mesmo da comarca de Valdeorras.
Así este libro reconstrúe “a historia dun pobo lendario, comprendendeo a evolución social, económica, antropolóxica e política de San Vicente de Leira entre os séculos XIX e XX”.
Con este libro, Barrio Fernández volve poñer en valor a historia local, tal e como fixera cos seus anteriores traballos, e pecha un ciclo literario e de investigación vinculado á súa familia ,que se iniciaba en 2022 con “José Barrio, el último guardia de la mina de Valborraz”, no que achegaba a historia do seu avó paterno ligada ao volframio; e afondando nesa liña continuaba con “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, no marco xeográfico de Carballeda de Valdeorras.
Esta era a segunda presentación de “Os irmaus do Cantón”, tras a realizada en San Vicente Leira, escenario principal da historia, o 23 de agosto.
Fotos cedidas.