
O Sindicato de Médicos de Galicia (SIMEGA) confirma, a través dunha nota de prensa emitida esta mañá, que mantén a convocatoria de folga para a próxima semana, entre o 18 e o 22 de maio, “en defensa dun Estatuto Propio para os Médicos e Facultativos fronte ao Ministerio de Sanidade, e coas reivindicacións específicas no ámbito autonómico, ao considerar que seguen sen atenderse as demandas fundamentais do colectivo, tanto no ámbito estatal como autonómico”.
A organización sindical entende que a situación actual na Sanidade Pública “é consecuencia directa da falta de diálogo, planificación e resposta efectiva por parte do Ministerio de Sanidade, e neste sentido reitera a súa solicitude de dimisión da ministra, Mónica García, primeira e directa responsable de conducir ao sistema sanitario a un escenario ‘inevitable’ de conflito e deterioración asistencial”.
Así mesmo, SIMEGA reclama á Xunta de Galicia que “traslade ao Consello Interterritorial a Proposición Non de lei (PNL) aprobada a semana pasada polo Parlamento de Galicia, para que o Goberno autonómico inste ao Gobierno de España a crear un Estatuto Marco propio para médicos e facultativos”. O Sindicato de Médicos de Galicia tamén mostra a súa preocupación “polos compromisos anunciados pola Xunta a outras organizacións médicas, uns acordos que cualifica de inconcretos e imprecisos, ao non incorporar medidas claras, calendarios definidos nin garantías de cumprimento, alén de que algunhas medidas xa estaban conseguidas previamente. Non se entende que o SERGAS fale de que o acordo serve para retomar a actividade concertada, popularmente coñecida como peonadas, cando no documento asinado non se recolle esta medida en ningún dos seus puntos, sobre todo cando devandita actividade é voluntaria e depende só da liberdade de cada profesional para realizalas”.
Por todo iso SIMEGA continúa pedíndolle ao SERGAS “fixar unha data concreta para a actualización do acordo de urxencias hospitalarias vixente desde 2007; tamén reclama o desenvolvemento do regulamento que regule os módulos compensatorios de garda, incluíndo a posibilidade de exención para profesionais menores de 55 anos por motivos de saúde; así como unha regulación clara das gardas localizadas, incluíndo as libranzas correspondentes, a súa posible conversión en gardas físicas e a aplicación dos acordos de compensación a este tipo de servizo”.
Finalmente, este sindicato “insta á Xunta ao desenvolvemento integral do novo modelo de Atención Primaria, respectando os acordos alcanzados o 25 de novembro de 2025, como base para garantir unha atención sanitaria accesible, eficiente e de calidade, xa que ao día de hoxe non se están cumprindo os prazos de aplicación acordados”.