CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os mellores alumnos galegos de Bioloxía, entre eles Uriel Moral do IES Lauro Olmo do Barco, visitan o Xeoparque Montañas do Courel

 

Esta fin de semana os mellores alumnos de Bioloxía, seleccionados polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Olimpiada Española de Bioloxía recibiron como premio nunha vista especializada no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, grazas ao convenio entre o Xeoparque e o COBGA.

Son seis os alumnos e alumnas que participan activamente nestas clases especializadas nas Montañas do Courel e dirixidas a estudantes especialmente interesados nas ciencias da vida e da Terra, que foron seleccionados polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e a Olimpiada Española de Bioloxía. Sergio Rodríguez, do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas; Le Zhou, do IES Xulián Magariños de Negreira; e Cecilia Fernández, do Colexio Obradoiro International School da Coruña, foron os gañadores da fase galega da Olimpiada Española de Bioloxía de 2º de Bacharelato.

A competición celebrouse o pasado mes de febreiro na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Este resultado permitiulles representar a Galicia na fase nacional, desenvolvida na Universidade de Cantabria durante o mes de marzo. Ademais, Cecilia Fernández acadou recentemente a mellor cualificación en Galicia nas Probas de Acceso á Universidade, un novo recoñecemento á súa brillante traxectoria académica. Pola categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, cuxa fase final tivo lugar no propio Xeoparque hai dúas semanas, participaron na visita Carmen Suárez e Diego Castro, do Colexio Santa María del Mar Jesuitas da Coruña.; e Uriel Moral, do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ao ser a mellor participación individual. O alumnado estivo acompañado polo docentes encargados de preparalos para as olimpiadas e, nalgún caso, pola familia.

O grupo foi recibido no Museo Xeolóxico de Quiroga polo presidente do Xeoparque, Roberto Castro; o xerente do COBGA, Pablo Fernandes; e os delegados en Galicia da Olimpiada Española de Bioloxía, Monse Ulloa e Luis Fernández. Ao longo da fin de semana visitaron os diferentes museos do territorio, a Dobra de Campodola, a fervenza de Vieiros, O meandro da Cubela e diversos lugares onde puideron observar evidencias dun pasado glaciar da man do xeólogo Roi Sampedro. Tamén coñeceron diferentes especies de orquídeas e outras plantas da man do biólogo Marcos Reinoso, así como a minería aurífera romana, guiados polo presidente do Xeoparque, Roberto Castro. Ademais, estiveron acompañados por un equipo de docentes de Bioloxía e Xeoloxía.

O alumnado valorou moi positivamente a visita e destacou o privilexio de poder compartir dous días con especialistas de tan alto nivel nunha experiencia practicamente personalizada. Entre os aspectos que máis lles chamaron a atención citaron os espectaculares miradoiros visitados, a emoción de atopar e identificar distintas especies de orquídeas silvestres e a sorpresa de descubrir a fervenza de Vieiros. E tamén, antes da despedida, houbo tempo para desfrutar da Praia Fluvial de San Clodio.

Cecilia, a estudante con mellor cualificación na PAU de Galicia e gran afeccionada ao violín, escolleu Montefurado como o seu lugar favorito da visita. Como mostra do entusiasmo que lle espertou a contorna, interpretou alí unhas notas do Himno Galego cun violín que lle prestou por uns intres o alcalde de Ribas de Sil e presidente do Xeoparque, Roberto Castro.

Back to top button