SanidadeÚltima hora

Os nenos de entre 6 e 59 meses da área sanitaria ourensá, convocados para vacinarse da gripe nesta fin de semana

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Uns 1.565 nenos e nenas da Área Sanitaria de Ourense,Verin e O Barco de Valdeorras de entre 6 e 59 meses teñen sido convocados por SMS para poder protexerse da gripe, se non o fixeron con anterioridade, esta fin de semana, sábado 30 e domingo 1 de decembro, no Hospital Universitario de Ourense, en horario de mañá e de tarde.

Tamén poderán vacinarse no Hospital Público de Verín e no Hospital Público de Valdeorras na xornada do sábado 30 de novembro de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Como indican dende a Consellería de Sanidade, trátase dunha medida máis para facilitar a conciliación familiar ao tempo que se potencia a vacinación. Deste xeito, os proxenitores que non poidan acudir pola semana ao centro de saúde terán como alternativa vacinar aos seus fillos na fin de semana. A vacinación antigripal infantil, indica o departamento sanitario galego, implica evitar complicacións graves derivadas do padecemento da enfermidade así como aumentar a protección colectiva.

 

 

A poboación infantil presenta un número moi elevado de infeccións por gripe, estimándose que en España son ata tres veces máis altas que nas persoas maiores de 65 anos e con taxas de hospitalización similares.

Os datos da campaña de vacinación do pasado ano amosan que a vacinación antigripal en poboación infantil é efectiva para evitar ao redor do 70% das hospitalizacións causadas por esta infección nas nenas e nenos de Galicia. No que vai de campaña xa se vacinaron en Ourense o 58% dos nenos e nenas deste grupo de idade.

Artigos relacionados

Back to top button