EconomíaEconomíaVídeosViticultura

Os participantes no obradoiro de cata de viños galegos de Oleiros visitan a Feira do Viño de Valdeorras

A viaxe, organizada por Paadín Eventos, enmarcábase no 50º aniversario do Plan Revival e nela os participantes eran agasallados cunha cepa de godello

 

Con motivo do 50º aniversario do Plan REVIVAL (Recuperación de Viñedos de Valdeorras), que supuxo a recuperación da variedade branca godello, desde Paadín Eventos organizábase neste domingo 1 de xuño unha viaxe de enoturismo á D.O. Valdeorras para os participantes do “Obradoiro de cata de viños galegos” do Concello de Oleiros (A Coruña).

Nesta visita participaban unhas sesenta persoas que percorrían as casetas da XXVI Feira do Viño de Valdeorras, na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), durante este mediodía catando os diversos godellos das adegas presentes da mostra e coñecendo as súas características e singularidades. Na mostra eran saudados polo presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada.

Ao final do percorrido eran agasallados por Paadín Eventos por unha cepa de godello e coa cepa en man facían un brinde de: “Valdeorras para o Mundo”.

Despois os participantes desta viaxe xantaba na Cova da Xabreira (Seadur) e, a continuación, facían un percorrido pola súa ruta das covas, visitando ademais unha das covas recentemente restauradas, onde degustaban un licor café.

Esta viaxe concluía na nova adega Cova da Xabreira, cun percorrido pola súas instalacións, e na que degustaban o seu vermú branco elaborado con uva de godello. “Esta é a uva de moda do mundo, é a varidade máis envexable no mundo, traémola dun viveirista de Valdeorras”, sinalaba Luis Paadín, organizador da viaxe.

 

Jero Díez, técnico de Educación do Concello de Oleiros, na terraza do restaurante Cova da Xabreira en Seadur (Larouco).

 

“A valoración desta viaxe é inmellorable”, comentaba Jero DÍez, técnico de Educación do Concello de Oleiros, “é unha marabilla poder participar dende un lugar tan diferente como pode ser Oleiros, vir ata Valdeorras a celebrar o 50 aniversario do Plan Revival, que non só é importante para Valdeorras, senón para toda Galicia e todo o mundo. Realmente é un impulso marabilloso e encántanos poder participar dunha maneira moi modesta con alumnado dun obradoiro de viños galegos nun lugar tan emblemático como pode ser O Barco, parécenos que non podía ser mellor momento, ademais nun día de festa e celebración e así o sentimos”.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

 

 

 

Back to top button