En portadaÚltima horaVídeos

“Os resultados da escavación na Cova do Santo (Rubiá), sepulcro colectivo da Idade do Bronce, son moi bos e o lugar ten un potencial enorme”

Os investigadores Diego Lombao e José Rabuñal, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, expoñían á veciñanza os resultados da súa intervención nesta sima o pasado verán

 

Documentaban cada resto e a súa posición no espazo da cavidade, nun traballo moi lento e minucioso para non perder nada de información. E así comprobaban que esa aparente mestura de restos, que parecía non ter sentido, si o tiña, e achegaba un contexto moi valioso e revelador. No verán do 2025, José Ramón Rabuñal e Diego Lombao, da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), realizaban a primeira escavación sistemática na Cova do Santo (Pardollán, Rubiá), unha cavidade de difícil acceso situada na Serra da Enciña da Lastra e na que se atopa o principal xacemento da Idade do Bronce en Galicia. Ata ese intre, nel só se efectuaran visitas e recollidas de material en superficie.

Os resultados da sondaxe aberta na cámara principal, de tan só 1 m2 e apenas 20 cm de profundidade, xa revelan o enorme e valioso potencial deste xacemento. Nel recuperábanse máis de 100 restos arqueolóxicos en contexto estratigráfico, principalmente ósos humanos, xunto con restos de fauna, fragmentos cerámicos e obxectos singulares como unha aixola de anfibolita e unha doa de óso. Entre os materiais, destacan fragmentos dunha xarra carenada, típica dos contextos funerarios da Idade do Bronce no noroeste peninsular. Cerámica deste tipo xa se tiña atopado con anterioridade na cova.

Así o explicaban estes dous arqueólogos na mañá deste 20 de xuño na cantina de Pardollán, onde tiña lugar unha presentación dos resultados desta primeira intervención arqueolóxica, interrompida de xeito súbito por mor dos incendios forestais do pasado agosto, pero á que se lle dará continuidade neste verán, tal e como avanzaban.

 

 

O acto abríase coa intervención de Alba Lombao, xefa dos Parques Naturais da provincia de Ourense, quen explicaba que este tipo de xornadas buscan que a poboación que vive nestes espazos naturais “coñeza o que se está a desenvolver neles, tanto no eido da investigación como da xestión. Neste caso, é un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela”, así mesmo referíase ás singularidades do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, como é a súa esencia calcárea, “o que fai tan diferente ao resto de Galicia, non só en fauna e flora, senón que tamén iso permita que existan esta clase de xacementos na zona”.

 

 

A continuación, os arqueólogos referíanse ao labor desenvolvido ata o momento na Cova do Santo. Principiaba Diego Lombao explicando as motivacións que os levaban o pasado ano a adentrarse nesta cavidade, entre eles, á singularidade ambiental do parque en fauna e flora, “cunha gran riqueza de recursos que os grupos humanos podía aproveitar”; a localización xeográfica da mesma “no corredor do val do Sil que comunica a Meseta co interior de Galicia”, e o seu subsolo calcáreo, o que supoñía “un refuxio tanto para os animais como para os grupos humanos. Por iso este é un lugar idóneo para estudar as ocupacións prehistóricas do parque”.

 

 

A partir de aí, Lombao referíase aos antecendentes e as investigacións previas realizadas nas covas do parque, a primeira das cales se sitúa nos anos 90 e vén da man de Carlos Fernández, da Universidade de León, “pero non logrou localizar a Cova do Santo porque o seu acceso é bastante complicado. Está nun farallón calcáreo que verte cara o río Sil e a entrada non é doada de ver”. No 2004 era redescuberta pola Xunta, que lle encagaba un estudo a Fidel Méndez e aí facía unha prospección da cavidade, cunha recuperación de material en superficie.

 

 

Xa no 2025, Lombao e Rabuñal facían unha primeira escavación sistemática que revelan dous momentos de ocupación posible: un no que foi usada como sepulcro colectivo, hai 3.500 anos antes de Cristo e outro anterior, de hai 5.000 anos, con restos e fauna.

 

 

De como se desenvolvía a intervención arqueolóxica en si e da súa metodoloxía falaba José Ramón Rabuñal, detallando os diferentes espazos que presenta o lugar. “Primeiro documentamos ben a distribución orixinal, con fotos e un modelo en 3D para dixitalizar a cova, logo recollimos o que había en superficie e desenvolvimos a escavación”.

 

 

Foron apenas tres días de intervención como tal, e unha semana na zona, interrompidos polos lumes, pero cuns resultados realmente significativos. “Tivemos moi bos resultados e un fuguro moi prometedor na cova”, resaltaba. Nese senso, o arqueólogo ía detallando cada un dos achádegos, comezando polos vinculados á cultura material: fragmentos cerámico, entre eles unha vasilla característica da Idade do Bronce, dos chamados “vasos carenados”, típica de contextos funerarios, “que estaba enterrada e que dá coherencia o contexto, posto que antes xa se atoparan outras dúas na cova. O que demostra que ese contexto está bastante ben preservado”.

 

 

Ao mesmo tempo, aparecían obxectos singulares como unha aixola de anfibolita e unha doa de óso, que poderían formar parte dun enxoval funerario, pero isto é algo que todavía os investigadores non puideron demostrar.

E especialmente chamativo e interesante resulta o conxunto óseo recuperado, que corresponde a un mínimo de 10 individuos de diferentes idades (incluíndo adultos, nenos e un individuo perinatal, é dicir, un bebé), o que permite ampliar de forma significativa o coñecemento sobre esta poboación. Ademais, as análises preliminares destes restos revelan “condicións de vida marcadas polo esforzo físico, con patoloxías como artrose, desgaste dentario ou fracturas, e mesmo insercións musculares que revelan a fortaleza destas persoas nas pernas, así como evidencias puntuais de actividade de animais carnívoros”, dicía Rabuñal.

 

 

Ao mesmo tempo, pódese establecer un perfil demográfico que promete ser máis amplo e interesante, que se move en idades de entre os 20 e os 50 anos. Ademais hai restos de dous adultos de máis de 50 anos, un dos cales era unha muller que carecía de dentes, o que implica que había un coidado do grupo cara esa persoa que lle permitiu sobrevivir ata esa idade.

Finalmente, os investigadores adiantaban as principais liñas de investigación futuras que abren estes resultados de cara á intervención deste ano, na que se contará cun equipo máis grande: continuar realizando escavacións na Cova do Santo, reconstruír os procesos de formación do conxunto e verificar o carácter sincrónico dos enterramentos, ampliar o estudo antropolóxico da poboación, a súa xestión do territorio e mobolidade.

 

 

E isto dentro dun proxecto máis amplo para estudar a ocupación da Prehistoria en toda a Serra da Lastra. De feito, este ano tamén se prevé intervir na Pala da Zorra. Así mesmo preténdese levar a cabo unha dixitalización destes espazos para difundilos e achegalos á sociedade, dun xeito que garanta a súa preservación e que evite a súa alteración.

“A Cova do Santo ten un potencial enorme, non só no marco do noroeste peninsular, senón tamén na súa relación ou conexión con outras áreas da Meseta”, inciden os arqueólogos.

 

 

Colaboración e financiamento

A campaña contou co apoio do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC, o CISPAC, as comunidades de montes de Pardollán e Vilardesilva, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Servizo de Patrimonio Natural de Ourense) e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

O proxecto está financiado polo CISPAC a través do programa Xan de Forcados, pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

 

Xornada de divulgación en Pardollán (Rubiá)

Esta iniciativa enmárcase no programa de divulgación científica nos Parques Naturais de Galicia, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no marco das actividades de uso público destes espazos protexidos, co fin de dar a coñecer entre a cidadanía os proxectos de investigación que desenvolven tanto a Consellería como as universidades e centros de investigación galegos dentro destes espazos protexidos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button