SanidadeÚltima hora

Os sindicatos médicos e facultativos iniciarán o 28 de outubro unha folga indefinida

Folga de médicos en abril, no exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Os sindicatos médicos e facultativos de todo o país acordaron que o mércores 28 de outubro será a data de inicio da folga indefinida estatal de médicos e facultativos, “unha convocatoria conxunta para mostrar o rexeitamento da profesión á reforma do Estatuto Marco impulsada polo Ministerio de Sanidade”, segundo indican os sindicatos.

As organizacións acordaron apoiar “a unidade de acción ante unha reforma que, ao seu xuízo, non dá resposta ás reivindicacións históricas do colectivo nin recoñece adecuadamente a singularidade, a responsabilidade e as especiais condicións de formación e exercicio de médicos e facultativos”.

A mobilización, continúan os sindicatos, “persegue que o Ministerio de Sanidade reconsidere a súa formulación e abra unha negociación real que permita avanzar cara a un Estatuto Médico e Facultativo propio, capaz de recoñecer as particularidades da profesión e de garantir unhas condicións de exercicio acordes co seu nivel de responsabilidade e formación”.

O 28 de outubro marcará así o inicio dunha folga indefinida estatal coa que os sindicatos pretenden trasladar ao Ministerio unha “mensaxe inequívoca: a profesión médica e facultativa reclama un marco profesional propio e unha resposta acorde coas súas características específicas”.

Así mesmo, as organizacións fan un chamamento ao conxunto de médicos e facultativos “para manter a unidade de acción e apoiar esta convocatoria, ante un momento que consideran decisivo para o futuro da profesión en España”.

Back to top button