OurenseÚltima hora

Os socios do proxecto USE4FOREST reuniranse en Ourense para avanzar “nunha estratexia innovadora de prevención e xestión de incendios”

Representantes de España, Portugal e Francia participan nun comité de pilotaxe e nunha visita técnica para coñecer de primeira man o sistema galego loita contra incendios forestais

 

O Eixo Atlántico, en colaboración coa Deputación de Ourense, reunirá en Ourense a 13 entidades europeas no marco do proxecto USE4FOREST, financiado polo programa Interreg Sudoe. Coa participación de representantes de España, Portugal e Francia, os socios avanzarán no deseño de estratexias conxuntas para a loita contra os incendios forestais e a recuperación de áreas afectadas. O comité de pilotaxe completarase cunha visita de estudo por distintos puntos estratéxicos da provincia de Ourense para coñecer de primeira man o modelo galego de prevención e extinción de lumes forestais.

A xornada inclúe unha visita ao Centro de Xestión de Crise de Verín, a Base Aérea Transfronteiriza de Galicia e o Centro Integral de Loita contra ou Lume de Toén, onde se desenvolverán demostracións operativas, visitas técnicas e presentacións de ferramentas de xestión.

Os avances do proxecto permitirán, segundo o Eixo, “reforzar as políticas de prevención e xestión forestal nos territorios participantes, alén de trasladar propostas ás institucións europeas para impulsar unha resposta máis coordinada ante os incendios forestais”.

O proxecto USE4FOREST

O proxecto impulsado polo Eixo Atlántico e liderado pola Deputación de Ourense, membro da entidade, conta coa participación da Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de montes da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Comunidade Intermunicipal de Trás-vos-Montes, a Autoridade Nacional de Proteção Civil de Portugal, o Instituto Politécnico de Bragança e socios franceses da rexión de Charente.

USE4FOREST integra, segundo informa o Eixo, investigación científica, cooperación institucional e traballo territorial co obxectivo de xerar ferramentas e recomendacións que melloren a xestión forestal e a resposta fronte aos incendios. Neste ámbito, a Universidade de Vigo, a través do profesor Juan Picos, coordinou os traballos científicos e técnicos vinculados á análise e prevención de incendios.

“A crecente intensidade e virulencia dos incendios forestais, cada vez máis difíciles de combater coas estratexias tradicionais de extinción, como xa alertou o Eixo Atlántico no informe de 2018 dirixido por Juan Picos, no que se aborda o fenómeno dos incendios de segunda xeración, esixe un novo enfoque centrado na prevención, a xestión activa do territorio e a resiliencia dos espazos forestais”, indica o Eixo.

Con este obxectivo nace Use4Forest, un proxecto financiado pola Comisión Europea que traballa no desenvolvemento dunha estratexia innovadora para a prevención de incendios baseada no aproveitamento sostible e a mellora dos montes. A estratexia foi deseñada por expertos forestais vinculados aos territorios participantes, liderados polo profesor Juan Picos, da Universidade de Vigo, en colaboración con administracións públicas rexionais e locais, garantindo así unha resposta adaptada ás necesidades específicas do espazo SUDOE.

Como complemento a este labor técnico e académico, o proxecto desenvolve catro iniciativas piloto para testar sobre o terreo a aplicación destas medidas e avaliar o seu impacto potencial. Entre elas destacan as “Devasas produtivas”, o proxecto impulsado polo Eixo Atlántico na parroquia de Alixo, no Barco de Valdeorras, orientado non só á prevención de incendios, senón tamén á dinamización do medio rural e á posta en valor das actividades produtivas tradicionais.

Neste marco, unha vintena de participantes recibe formación teórica e práctica en ámbitos como a apicultura, a reforestación, a micoloxía, o cultivo de plantas medicinais ou o emprendemento rural. O obxectivo é dobre: favorecer novas oportunidades de futuro no rural para combater o despoboamento e, ao mesmo tempo, promover un territorio máis coidado e xestionado, reducindo así o risco de grandes incendios forestais. Ademais, o Eixo Atlántico desenvolveu sesións especializadas de formación en prevención de incendios dirixidas a administracións locais e impartidas por expertos de referencia na materia.

A premisa que resume toda esta filosofía de actuación queda reflectida nunha afirmación do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao: “O monte arde cando non está coidado, e non está coidado cando non está habitado”.

Back to top button