SanidadeÚltima hora

Os terapeutas ocupacionais, pezas clave na recuperación da dimensión física, emocional e cognitiva de cada persoa

 

Con motivo do Día Mundial da Terapia Ocupacional, celebrado onte, o Hospital Universitario de Ourense quere poñer en valor o traballo fundamental que desenvolven os terapeutas ocupacionais dentro da sanidade pública, profesionais que acompañan ás persoas ao longo dos seus procesos de recuperación física, cognitiva e emocional, promovendo sempre a súa autonomía e calidade de vida.

“Os terapeutas ocupacionais son unha peza clave nos equipos multidisciplinares do sistema sanitario público. A súa intervención abrangue múltiples ámbitos: desde a atención temperá a nenos e nenas con dificultades no desenvolvemento, ata a rehabilitación física tras enfermidades ou lesións, pasando pola saúde mental, tanto en servizos de agudos como en unidades de media estancia e hospital de día”, segundo a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Ourense.

 

 

Segundo explica Cristina Pérez, terapeuta ocupacional do Hospital de Día de Saúde Mental, “o noso obxectivo final é que a persoa teña a máxima autonomía posible e unha boa calidade de vida”. Para iso, engade, “traballamos en toda a esfera da persoa —a nivel físico, emocional e cognitivo— a través do que chamamos ocupación, é dicir, actividades significativas que lle permiten recuperar ou descubrir de novo as súas capacidades”.

Baixo o lema deste ano, “Terapia ocupacional en acción”, destacan o seu compromiso polo fomento da participación activa das persoas na sociedade, facilitando unha ocupación digna e significativa. “Temos que implicarnos en que as persoas se mobilicen, participen e leven unha vida plena dentro da súa comunidade”, subliña Pérez.

A súa labor, ademais, non se entende sen o traballo conxunto doutros profesionais da sanidade pública. “Sen un equipo non seríamos nada”, recoñece a terapeuta ocupacional, destacando no a coordinación constante con fisioterapeutas, enfermeiros, psiquiatras, auxiliares e psicólogos. “Todos teñen un papel esencial para que os pacientes poidan retomar os seus roles e rutinas e recuperar a confianza en si mesmos”.

A terapia ocupacional, dentro do sistema público de saúde, representa un apoio esencial para a recuperación integral das persoas, contribuíndo á súa reintegración social e á mellora do seu benestar global.

Back to top button