Dende a Finca da Barreira ata a praza do Concello. As diferentes sonoridades do Entroido do oriente ourensán enchían de tradición as rúas de Trives na tarde deste domingo 8 de febreiro. Ata trece folións, con outros ritmos e rituais, dábanse cita na vila no 21º encontro que organiza o Folión Os Labregos de Trives.
Unhas 800 persoas tomaban parte nesta comitiva de toques (de bombos, aixadas, gadañas, cornas ou mesmo gaitas), danzas e máscaras (dende Boteiros e Mázcaras ata Touros e Charrelos), que se poñía en marcha a partir das 15:30h. dende a Finca da Barreira. Abría o desfile o folión anfitrión, cun percorrido que, tras pasar pola rúa San Martiño e continuar, xunto á praza do Pilón en dirección ao casco antigo, seguía despois ata a praza do Reloxio e remataba na praza do Concello.
Despois virían outros doce folións: Os Arrieiros de Petín, A Lardeira (Trives), o Folión de Chandrexa de Queixa, A Caniceira (Trives), os folións da Veiga, Sobrado (Trives), Manzaneda, O Fiadeiro (Trives), o Folión de Buxán (O Bolo), o de Carracedo da Serra (A Gudiña), o de Fradelo (Viana do Bolo) e, pechaba a comitiva a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.
Numerosas persoas seguían o percorrido do desfile. Velando pola seguridade tanto do tráfico como dos peóns estaba un operativo no que participaban as agrupacións de Protección Civil de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río, xunto coa Garda Civil.
Despois do percorrido, os membros da organización eran agasallados polo Folión Os Labregos cunha merenda no pavillón deportivo de Trives. Con este encontro acendía o Entroido 2026 neste municipio.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.
En breve ampliarase galería fotográfica.