EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Os traballadores de Autoneum concéntranse na praza do Concello da Rúa e anuncian folgas neste mes de decembro

 

Despois de dous días de paros parciais (dúas horas en cada quenda) o 4 e 5, secundados por entre o 80 e o 90%, na mañá deste domingo 7 de decembro os traballadores de Autoneum concentrábanse na praza do Concello da Rúa, convocados polo Comité de Empresa do que forman parte os sindicatos CIG-CCOO-UGT.

Alí, diante dos traballadores (do plantel actual pero tamén antigos) e veciños da contorna que apoian as demandas, o presidente do Comité, Óscar Gil, explicaba o motivo da convocatoria. “Estamos hoxe aquí pola negativa da empresa a negociar a mellora salarial da plataforma que practicamente leva negociándose desde o comezo, para compensar o convenio imposto pola empresa nos seus inicios, un dos máis precarios que existen e que fomos paliando precisamente por este tipo de acordos”.

 

 

Lembrou que ao longo de todos estes anos, sempre chegaron a acordos. “Ás veces era máis difícil, ás veces máis fácil, pero sempre houbo negociación”, dixo, explicando que o Comité fixo unha proposta de máximos en marzo de 2025, pero “nunca recibimos unha resposta formal, sempre escusas ou respostas ambiguas”, de feito, tiñan que presionar para poder ter unha resposta oficial por parte da empresa. “Por desgraza, produciuse o incendio que devastou a fábrica e nese mesmo momento, todos os traballadores puxémonos a traballar na reconstrución, sen parar durante máis dun mes e medio. Só os que estivemos alí sabemos o que vivimos durante ese tempo. Non imos decir que a empresa non puxo da súa parte, pero sin a implicación dos traballadores non tería sido posible empezar a producir”.

Gil explicou que neste tempo de reconstrución houbo traballadores que foron trasladados a outras fábricas do grupo, “onde viron as condicións que teñen de primeira man, un ritmo de traballo menos produtivo e salarios moito máis altos, a pesar de que xeran moitos menos beneficios, o que provocou o enfado entre os compañeiros, que o percibiron como unha discriminación. Non estamos aquí pedir privilexios; pedimos que nos valoren polo noso traballo, a nosa produción e os beneficios que xeramos”.

 

 

Con todo, asegura que en resposta ás esixencias do Comité, “a única proposta da empresa foi cancelar todos os investimentos na fábrica. Fixemos numerosas propostas para tentar resolver esta situación, pero a única resposta que recibimos é un silencio absoluto. Nin sequera nos responderon; non sabemos nada oficialmente en 10 días. Parece que estamos nós máis preocupados por paralizar aos nosos clientes, especialmente Stellantis, que a propia empresa”, dixo.

Dende o Comité recoñecen que “hai compañeiros que din que non era o momento pero isto foi apoiado por un rotunda maioría en asemblea e nós sempre imos facer o que se acorde nas asembleas, como non pode ser de outra forma”, concluía, o presidente, asegurando que seguen abertos “como sempre, para falar, negociar e desbloquear esta situación. Podemos conseguir moito ou pouco, pero o que non permitiremos é que nos quiten a dignidade”.

De momento seguirán coas mobilizacións, convocando xa folgas para os días 9, 10, 18, 19 e 22 deste mes de decembro.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button