“Subida salarial, dereito laboral”, “se sube o IPC, os salarios tamén” e “queremos traballar, non emigrar”. Eran algunhas das consignas máis repetidas na manifestación de traballadores de Iberdrola que percorría esta mañá o centro do Barco. A marcha, convocada polos sindicatos CIG e ELA, partía pasadas as 12h. dende o Hospital Público de Valdeorras e, tras pasar polas avenidas Conde Fenosa e Marcelino Suárez, concluía na praza do Concello do Barco, onde os manifestantes procedían á lectura dun manifesto expresando as súas demandas.
Principalmente, os manifestantes aseguran que pese aos grandes beneficios obtidos por Iberodrola dende o 2021, “nese mesmo periodo de tempo os traballadores perdemos un 20% de poder adquisitivo” e tamén fa fincapé en que “levamos 16 meses sen convenio”.
Durante a marcha o tráfico estivo regulado e controlado pola Policía Local do Barco.
Fotos e vídeos: O SIL.