
Segue a loita contra o lume na parte oriental da provincia de Ourense onde, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural (actualizados ás 10h. deste 23 de agosto), están os tres únicos grandes incendios que seguen activos arestora. As provincia permanece no seu conxunto en Situación 2.
Os datos por incendio son os seguintes:
ACTIVOS
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo. En todo caso, o lume evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo, en Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 51 técnicos, 222 axentes, 311 brigadas, 216 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)
Desde as 18.42 horas do luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 30 axentes, 47 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 6 técnicos, 10 avións e 11 helicópteros.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas de onte venres, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Polo tanto, a totalidade do lume está xa estabilizado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 148 axentes, 206 brigadas, 122 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 21.20 horas de onte venres está estabilizado o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 49 axentes, 68 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 93 axentes, 171 brigadas, 88 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas do luns 18 no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
CONTROLADOS
Controlado Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22.05 horas de onte venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Vilardevós-Moialde
Ás 20.22 horas de onte venres estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas de onte venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).