
Un total de 29 atletas galegos tomarán parte desde mañá venres ata o domingo (do 20 ao 22 de febreiro) no Campionato de España de lanzamentos longos, que se desenvolverá tanto na pista Gaeta Huguet como na pista Universitat Jaume I de Castellón.
Desa listaxe forman parte tres valdeorreses: o absoluto Carlos Revuelta Parra (S. Gimnástica), Javier Cid de categoría U18 (do Sanysec-Ourense), e Miriam Gonçalves, en U16, do Adas Cupa do Barco.
No caso de Revuelta, a súa proba de lanzamento de martelo está prevista para o venres ás tres da tarde no estadio Gaeta Huguet e chega ao nacional coa sexta mellor marca da tempada. Esta será a décimo terceira participación neste nacional, igualando o récord de Javier Cienfuegos.
Pola súa banda, Javier Cid, que tamén competirá en lanzamento de martelo, acode coa segunda mellor marca da tempada. Será na pista da Universidade, o sábado ás 10h. Finalmente Miriam Gonçalves participará en xavelina.
