O 25 de xuño, tralos danos ocasionados na súa estrutura pola riada caída o día 17 e por motivos de seguridade, a ponte que cruza a N-536 no centro do pobo de Arcos, no concello de Vilamartín de Valdeorras quedaba cortada ao tráfico.
Pasou o tempo e os veciños non teñen noticias do que vai pasar coa ponte que permanece cortada. Por iso, ante o silencio das administracións, decidían xuntarse nese mesmo punto e facer un pouco de presión. Así o facían na tarde deste martes 28 de xullo, como sinal de protesta pola tardanza acompañados por veciños doutros núcleos de poboación.
“Dende a asociación están facendo un gran traballo pero a base de papeleo e penso que isto é como un apoio”, aseguraba un dos veciños afectados polo corte do paso. “Que vexan que á parte dos escritos aquí está a xente do pobo afectada”, dicía, asegurando que se chega o inverno e non o arranxan vai custar o dobre. “Polo menos que veña quen teña que vir e que nos diga o que están facendo para que os veciños saibamos a que aternos porque este corte fainos moito revés”.

Pola súa banda, o voceiro do grupo popular de Vilamartín, José Pinto, presentaba un escrito no Concello “solicitando á alcaldesa, por escrito, que xestións se fixeron ou se están facendo en referencia á devandita ponte.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.