EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Monterrei triunfan en San Sebastián e “reafirman o prestixio e a calidade que os caracterizan”

 

A Denominación de Orixe Monterrei viaxaba á cidade de San Sebastián o pasado día 8 de xuño para presentar os seus viños e a súa nova campaña de promoción nun showroom profesional celebrado no prestixioso hotel Londres situado fronte á Praia da Cuncha no paseo marítimo de San Sebastián.

A presentación nesta emblemática cidade do norte iniciouse cunha cata para os catadores membros da Asociación de Catadoras de Guipúscoa (ASUGI) seguida da asistencia de público profesional da distribución, canle HORECA e prensa especializada. Está acción permitiu aos asistentes descubrir unha ampla representación de referencias a través dun formato dinámico e próximo. O showroom espertou un notable interese entre os máis de 80 profesionais asistentes que valoraron moi positivamente a calidade dos viños, o traballo das adegas e viticultores, a versatilidade gastronómica e o equilibrio entre tradición e innovación que caracteriza ás elaboracións de Monterrei.

 

 

Neste showroom organizado polo propio Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei os asistentes puideron degustar 27 viños brancos e 14 viños tintos de 22 adegas que representaron a Monterrei. As adegas asistentes foron: Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Ladairo, Fragas do Lecer, Minius, Daniel Fernández (Alba Al-Bar), Franco Basalo, Trasdovento, Triay, Terras do Cigarrón, Pazo de Valdeconde, Vía Arxéntea, Tabú, Terra de Godello, Gargalo, Father 1943, Crego e Monaguillo, Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Ramón Bigotes, Quinta do Buble, Jose Luis Gómez Ibáñez (Valderello) e Manuel Vázquez Losada.

“Seguir apostando por estar presentes e posicionar os viños de Monterrei nunha cidade referente en gastronomía e turismo como San Sebastián, é algo que temos moi claro, producimos viños de calidade, versátiles e singulares que representan un produto exclusivo para a oferta gastronómica de Donostia”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada.

Back to top button