EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños das DD.OO. galegas promociónanse en Dinamarca

Cedida.

 

O restaurante TRIO de Copenhague (Dinamarca) acollía as propostas do I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca, que reunía a máis de 80 profesionais. Os catadores, distribuidores e xornalistas especializados que participaron no evento puideron degustar un total de 150 referencias de todas as denominacións de orixe da comunidade autónoma (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), así como 25 referencias de empresas comercializadoras de destilados amparadas polas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

A Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) contaba nesta cita co apoio institucional da Embaixada de España en Dinamarca a través do propio embaixador, Salvador Rueda Rabanal, e doutros membros do organismo diplomático como Ignacio Jiménez, conselleiro de Turismo, e Antonio Solesio, conselleiro de Emprego. Tamén visitou o salón Cristina Pérez Bermejo, responsable do Departamento de Produtos Agroalimentarios da oficina comercial do ICEX en Dinamarca.

O showroom desenvolvido hoxe na capital danesa ten sido impulsado por ACRUAGA, co respaldo da Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE. Con esta actividade, realizada en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC), ACRUAGA pretende fortalecer a súa vocación de promoción e internacionalización dos viños, licores e augardentes galegos, un dos seus obxectivos fundacionais.

 

 

Calidade e diversidade

Co I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca, os seis consellos reguladores pretenden mostrar a un público profesional a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, amparados por selos de calidade.

ACRUAGA -que naceu en 2020- activou esta acción promocional no marco dun convenio asinado co IGAPE, con diferentes obxectivos. Entre eles, o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos a través de accións de visibilización, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do estranxeiro.

Fotos cedidas.

Back to top button