
A Denominación de Orixe Monterrei volverá estar presente no salón Prowein, que se celebrará do 15 ao 17 de marzo, na cidade alemá de Düsseldorf.
Nesta edición 36 viños (23 brancos e 13 tintos) pertencentes a 18 adegas representarán á Denominación de Orixe Monterrei nesta feira internacional. As adegas asistentes a Prowein serán: Minius, Pazo das Tapias, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Terra de Godello, Tabú, Alba Al-Bar, Vía Arxéntea, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Manuel Vázquez Losada, Gargalo, Abeledos, Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
É a sétima ocasión que o C.R.D.O. Monterrei forma parte desta feira vitivinícola, que en 2025 contou con máis de 42.000 visitantes profesionais de 128 países. Acudirase ao amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto coas restantes denominacións vitivinícolas galegas, e baixo o formato de Túnel de Viño presentaranse non só os brancos e tintos participantes senón tamén o territorio vitivinícola, as súas características edafoclimáticas, as tipoloxías de uvas e viños, entre outras.
“Prowein é unha feira clave para os viños de Monterrei, o estar presentes neste evento de gran referencia na canle distribución e importación-exportación permitiranos que a marca e os viños de Monterrei sigan posicionándose nos mercados internacionais”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada.