
A Denominación de Orixe Monterrei estará presente, do 13 ao 16 de abril, na 39ª edición do Salón Gourmets, Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, que terá lugar en Madrid. O C.R.D.O. Monterrei acudirá baixo o amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), nunha convocatoria creada para promocionar Galicia como destino enogastronómico de calidade, que axudará a potenciar os viños de Monterrei e abrir novas canles de comercialización para os mesmos.
A Denominación de Orixe Monterrei acudirá baixo o formato de túnel de viño, no cal se presentará o territorio vitivinícola e as súas características, e onde se poderán coñecer os viños de 18 adegas rexistradas na denominación: Minius, Triay, Terras do Cigarrón, Gargalo, Valderello, Fragas do Lecer, Crego e Monaguillo, Tabú, Tapias de Mariñan (Pazo Blanco Nuñez), Terra de Godello, Pazo das Tapias, Ladairo, Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Pazo de Valdeconde, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Vía Arxéntea, Ramón Bigotes, Manuel Vázquez Losada
Doutra banda, os viños do D.O. Monterrei tamén estarán presentes en actividades de shoowcooking e catas de viños mostrando ao público as maridaxes perfectas con viños de Monterrei así como as características singulares que fan especiais os viños desta comarca.
“Na última edición acudiron máis de 115.000 profesionais e máis de 2.000 expositores, o que permite consolidalo como un evento referente a nivel Europeo”, recoñece Manuel Vázquez, presidente da entidade. “Seguimos apostando por estar presentes en Salón Gourmets, reforzar a marca Monterrei dando a coñecer os viños de excelente calidade que se elaboran no noso territorio e abrindo novas canles de comercialización”.