OurenseÚltima hora

OUR Fest abre o seu quinto capítulo en Expourense

A quinta edición do festival celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense cun novo cartel de artistas nacionais e internacionais

Foto: Mercury Rev©Stuart MacDonald©.

 

De Primal Scream e Belle and Sebastian a Suede, Metronomy, Teenage Fanclub, Happy Mondays ou Mercury Rev. En apenas catro edicións, OUR FEST reuniu en Ourense unha parte esencial da historia recente do pop, o rock e a electrónica alternativa. O festival abre agora un novo capítulo: a súa quinta edición celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense.

OUR FEST naceu coa vontade de incorporar Ourense ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia bandas que non adoitan formar parte dos circuítos habituais. Desde aquela primeira edición de 2022, o festival foi construíndo unha identidade recoñecible a través de carteis coidados e capaces de facer convivir distintas xeracións e maneiras de entender a música.

Por Expourense pasaron figuras fundamentais da escena británica como Primal Scream, Belle and Sebastian, Suede, Kula Shaker, Teenage Fanclub ou Happy Mondays; artistas como Baxter Dury, Jake Bugg e Miles Kane; bandas que marcaron o presente do rock alternativo, como Shame, Yard Act ou Viva Belgrado; e propostas galegas e estatais como Grande Amore, León Benavente, Los Enemigos ou Melenas.

 

Foto: Teenage Fanclub OurFest 24 @Sergioalbert.

 

Ese percorrido permitiu que o festival medrase sen perder a súa esencia: unha única xornada, un recinto cuberto e unha programación pensada para gozar dos concertos como protagonistas absolutos. Máis que acumular nomes, o festival foi tecendo unha historia musical propia, conectando artistas de culto, bandas fundamentais e novas voces ante un público chegado de Galicia, doutros puntos do Estado e do norte de Portugal.

A cuarta edición reuniu o pasado ano 3.000 persoas en Expourense e coincidiu cunha ocupación hoteleira próxima ao 90 % na cidade. Unha resposta que confirmou o crecemento da cita e a súa capacidade para converter a música en movemento cultural, turístico e económico para Ourense.

O cartel de OUR FEST 2026 darase a coñecer proximamente. As entradas para esta quinta edición xa están dispoñibles a través de Ataquilla.com, cun prezo de 40 € máis gastos de xestión.

Back to top button