SanidadeÚltima hora

Ourense, 14 anos como referente na formación da abordaxe cirúrxica das patoloxías do pé e do nocello

As xornadas contan novamente entre os seus relatores cos doutores Monteagudo e Vilá dous dos “top ten” da traumatoloxía nacional especializados na cirurxía do pé

 

O Hospital Universitario de Ourense acolle hoxe a 14ª Xornada de Patoloxía de Pé e Nocello que, organizada polo Servizo Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, supón unha cita de referencia para analizar as últimas innovacións e desafíos neste ámbito tan especializado, co aval da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SOGACOT).

Nesta edición a cita científica esta centrada no análise das complicacións e secuelas das patoloxías do mediopé e do retropé, para o que conta cun completo programa de relatorios, análise de casos cínicos e talleres prácticos, que comezaron onte cun obradoiro práctico nos quirofanos do Centro de Cirurxía Experimental (TECMEVA) no Parque Tecnolóxico de Galicia.

O xefe do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario de Ourense, Benito Ramos, que asumiu por primeira vez a presentación como xefe de servizo, lembrou os inicios deste encontro e o seu valor humano subliñando que “as xornadas de patoloxía de pé e nocello son un modelo dentro do noso servizo de traumatoloxía, e desde logo é un privilexio poder contar con elas.”

Esta iniciativa, que se remonta ao ano 2010, “é un curso que se realiza entre amigos, con dous compañeiros que ano tras ano nos acompañan, nos ilustran e nos ensinan: o doutor Monteagudo e o doutor Vila Rico” Recoñecemento no que Ramos quixo incluir ao doutor Ernesto Mazaira, pioneiro na organización deste evento.

 

 

 

Intenso programa científico

O xerente da Área Sanitaria de Ourense e Verín, Santiago Camba, inaugurou a xornada do que ata agora foi o seu servizo destacando a traxectoria e relevancia desta iniciativa e dando a noraboa aos seus organizadores “os doutores Antonio Fernández Cebrián, responsable da Unidade de Pé, e por suposto as doutoras Silvia Villardefrancos, Noelia Dopazo e Catuxa Pena, polo esforzo e compromiso de manter viva esta cita científica” subliñou.

Camba salientou ademais o valor da formación continuada e do intercambio de experiencias entre profesionais destacando o valor da formación e da reflexión conxunta para “manter a excelencia do noso sistema sanitario”.

O programa da xornada deste venres inclue relatorios sobre temas de actualidade como as complicacións e secuelas das fracturas de astrágalo, a cargo do Dr. Miguel Álvarez; Complicacións e secuelas das fracturas intratalámicas de calcáneo, polo Dr. Jesús Vilá; Lesións de Lisfranc e Artrodeses de mediopé para secuelas postraumáticas, coas intervencións dos doutores Antonio Fernández Cebrián e Manuel Monteagudo.

 

Traumatologos da Unidade de Pe e Nocello do Servizo de Traumatoloxia do Chuo xunto aos tres ponentes invitados: Manuel Monteagudo, Jesús Vila e Miguel Álvarez.

 

Dous ”top ten” nacionais como relatores

Traumatólogo da Unidade de Cirurxía de Pé e Nocello do Hospital universitario Quirónsalud Madrid, Monteagudo de la Rosa forma parte do top ten da especialidade, ranking baseado nas valoración dos seus propios compañeiros de especialidade. Membro fundador da Sociedade Española de Bioloxía do Desenvolvemento (S.E.B.D.), coordinador de Traumatoloxía e profesor asociado na Universidade Europea Madrid, presidente da Sociedade Española de Medicina e Cirurxía do Pé e Nocello (SEMCPT), presidente electo e do Comité Científico da Sociedade Europea de pé e Nocello (EFAS), director BEOFAA (British European Orthopaedic Foot Ankle Academy) e consultor cirurxián ortopédico de pé e nocello en IOTAM e relator das xornadas de Ourense desde o súa creación.

Tras unha pausa, os asistentes participarán nun taller de exploración en directo, dirixido polos doutores Manuel Monteagudo e Jesús Vilá, centrado en patoloxías complexas como o pé plano do adulto, as luxacións de Chopart e as artrodeses dolorosas.

Jesús Enrique Vilá e Rico e outro dos “top ten” da Traumatoloxía española. Presidente da Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SECOT), é xefe de sección de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, con perfil en Cirurxía do Pé, do Hospital Universitario 12 de Outubro de Madrid, e xefo de Servizo Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Ruber Juan Bravo, tamén en Madrid.

Monteagudo e Vila tamén abordarán cuestións prácticas sobre fracasos en cirurxía de pé plano valgo e complicacións en artrodeses do retropé, antes de rematar a xornada cun coloquio aberto baixo o título “O que sempre quero preguntar e non me atrevo. Dúbidas e casos clínicos”, coordinado polos organizadores da mesma: António Fernández, Silvia Villardefrancos, Noelia Dopazo e Catuxa Pena.

 

Back to top button