
O gas radon é a segunda causa de cancro de pulmón e a primeira entre persoas non fumadoras. “Trátase dun gas radioactivo natural, incoloro e inodoro, que pode acumularse no interior das vivendas sen que se detecte a simple vista, representando un importante risco para a saúde pública”, lembra a Asociación Española contra o Cancro en Ourense, que precisamente organizará unha actividade dedicada a este tema na cidade.
Así, co obxectivo de informar e concienciar á poboación, celebrarase en Ourense a charla “Gas radon e os seus efectos sobre a saúde. Da medición á solución”, onde se explicará de maneira accesible como medir a presenza deste gas nos fogares, así como as medidas máis eficaces para previr e reducir a exposición.
A conferencia terá lugar o mércores 15 de abril, ás 19:30 horas, no centro cultural Marcos Valcárcel, e será impartida por Alberto Ruano Raviña, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, e experto de referencia neste ámbito.
A actividade é de entrada libre e dirixida a toda a poboación, e enmárcase nas recomendacións do Código Europeo contra o Cancro, que subliña a importancia de controlar a exposición ao gas radon como medida clave de prevención.
Desde a organización anímase á cidadanía a participar nesta charla divulgativa, facendo fincapé en que coñecer é previr e que a información é unha ferramenta esencial para protexer a saúde.