
Ourense converterase do 26 ao 28 de novembro no epicentro da literatura criminal coa celebración da primeira edición de Ourense Black, un novo festival especializado en novela negra e xéneros afíns que será o primeiro destas características en Galicia.
Promovido pola Deputación Provincial de Ourense e dirixido e producido por Analogías Gestión Cultural, o encontro reunirá a recoñecidos escritores, xornalistas e comunicadores nun formato pensado para favorecer o diálogo directo entre os creadores e o público. Como explicou Marcos Vázquez, director da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, “é unha aposta pola cultura, pola lectura e polo encontro e a convivencia dos lectores cos seus autores favoritos”.
Ourense Black nace coa vocación de achegar a creación contemporánea á cidadanía e situar a Ourense na conversa literaria nacional a través dun programa intenso e accesible. Durante tres xornadas, os asistentes poderán participar en encontros arredor da literatura, o xornalismo, a investigación criminal e as adaptacións audiovisuais, nunha proposta que busca converter a experiencia lectora nunha conversa aberta e compartida. Para Inés Ruiz Luque, directora de Analogías Gestión Cultural, “a novela negra mira cara a todo aquilo que permanece oculto; por iso, o programa foi organizado abordando as diferentes parcelas da novela negra”.

Os sete nombres da primeira edición
O cartel do Ourense Black 2026 estará encabezado por algúns dos nomes máis destacados do panorama literario actual. A autora galega Arantza Portabales, unha das escritoras máis lidas nos clubs de lectura de Galicia, abrirá o programa coa conversa La geografía del secreto. Na mesma xornada participarán Manuel Ríos San Martín e Manel Loureiro, dous autores cunha destacada traxectoria no ámbito audiovisual que abordarán os desafíos das adaptacións de novelas ao cinema e á televisión.
A segunda xornada contará coa presenza de Mabel Lozano e Reyes Vargas, que reflexionarán sobre a representación da violencia, a explotación e o crime organizado desde a ficción e a non ficción. Pola tarde, o xornalista e escritor Luis García-Rey, gañador do Premio Primavera de Novela 2024, protagonizará un encontro centrado nos mecanismos narrativos da novela criminal e na influencia do xornalismo na construción das historias.
O festival pecharase cunha conversa entre Nieves Herrero e o propio Luis García-Rey baixo o título Entre la noticia y la novela, unha sesión na que ambas as dúas figuras analizarán as relacións entre o exercicio xornalístico e a creación literaria, así como o papel da documentación, as fontes e a memoria na construción dos relatos.

Entrada libre
Todas as actividades terán lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. Cada sesión combinará unha conversa guiada de 50 minutos con dez minutos de preguntas do público, e rematará cunha sinatura de libros dos autores participantes. O festival contará tamén coa colaboración das librarías da cidade e promoverá especialmente a participación dos clubes de lectura da provincia.
Con esta primeira edición, Ourense Black aspira a consolidarse como unha cita de referencia para os amantes da novela negra, creando un espazo de encontro entre lectores e autores e reforzando ao mesmo tempo a posición de Ourense como destino cultural e literario.