ConcellosOurenseÚltima hora

Ourense, capitalidade cultural do Eixo Atlántico

Cun amplo programa de actividades de maio a xuño

Ourensecapitalcultural

Entre maio e xuño deste ano Ourense despregará un amplo e variado abano de actividades para celebrar a súa Capitalidade Cultural dentro do Eixo Atlántico do
Noroeste Peninsular. A nova facíase pública tras a reunión da comisión executiva deste organismo transfronteirizo, celebrada na cidade das Burgas o 13 de decembro. Esta será a terceira edición do programa da capitalidade cultural do Eixo, que se vén desenvolvendo dende hai seis anos con dous obxectivos principais: volcarse na posta en valor da nosa cultura, tanto da tradicional como da innovadora, dos novos creadores e enfocar a cultura como un motor de emprego. Así o destacaba o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido, comentaba que “levamos traballando arreo para que a nosa cidade acolla todo tipo de actividades coa presenza de artistas, de exposicións das diferentes cidades do Eixo”. Tamén ve esta capitalidade como un xeito de difundir “Ourense dentro do Eixo, porque somos sen dúbida a cidade máis importante do interior galego, con máis de 100.000 habitantes e que conta cunha localización excepcional, no mesmo centro do Eixo”. Unha localización, engadía, “que nos permite achegar ás cidades do norte portugués unha programación que encaixa na cultura común de ambos lados do Miño”.

Tamén destacou Garrido que o programa está moi avanzado, pero “aínda pendente de pechar na súa totalidade”. E incidiu en que pretende “recoller as propostas que poidan encaixar nos bloques temáticos previstos na programación da capitalidade por parte das cidades que fan parte do Eixo no mundo das letras, das artes, na música, nas exposicións, no turismo, na artesanía, na gastronomía, na etnografía e na cultura urbana. Desenvolveremos durante eses meses multitude de actos culturais abertos á participación dos máis novos” e tamén “procuraremos un intercambio cultural que axude a atopar un espazo de encontro entre as distintas administracións”. Asemade o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, expresou o seu desexo de que esta capitalidade “sexa un revulsivo para a nosa cultura e para a nosa cidade no 2014”.

Texto: Ángeles Rodríguez/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button