Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Ourense inicia a campaña electoral autonómica cara os comicios do 25-S

A tradicional pegada de carteis, os primeiros mitins e algún acto cargado de simbolismo dan o pistoletazo de saída ás oito formacións que pugnarán pola representación da provincia no Parlamento

Ourense deu esta pasada medianoite a benvida á campaña electoral autonómica. A tradicional pegada de carteis no Parque de San Lázaro, os primeiros mitins e algún acto cargado de simbolismo foron as formas elixidas por PP, PSOE, En Marea, BNG, C’s, CxG, DO e Vía Nova para inaugurar estes intensos quince días que lles servirán para pedir o voto aos cidadáns.

Case ao unísono, as oito formacións políticas que aspiran a representar a provincia no Parlamento comezaron cos seus respectivos actos en torno a este céntrico parque. Así, a cúpula provincial do Partido Popular procedeu a pegar os primeiros carteis do seu candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Esta será unha campaña con moitísima xente”, valoraba o presidente provincial da formación, Manuel Baltar. “Se facemos unha extrapolación da xente que está neste inicio, sae unha maioría absoluta”, explicaba, para lembrar que o obxectivo é ser unha vez máis o gran bastión do PP na comunidade.

Tamén a cabeza de lista por Ourense dos populares, Marisol Díaz Mouteira, se mostraba entusiasmada ante este inicio de campaña: “estes días serán intensos pero é unha honra representar a un partido que supón un proxecto estable e serio para Galicia”.

Os socialistas, pola súa banda, comezaron motivando os seus máis fieis votantes cuns discursos nos que tamén interviu a cabeza de lista por Ourense, Noela Blanco. Ela mesma, en declaracións ao Periódico O SIL, expoñía a súa perspectiva para os vindeiros días: “saímos ao terreo de xogo deste partido, que é a campaña, con moitísimas gañas, forza e ilusión e estamos convencidos de que a partir do 25 de setembro Galicia vai ter un presidente socialista e que Xaquín Fernández Leiceaga vai estar á fronte do mesmo”.

Mesma fórmula elixiron os de En Marea, pero cambiando o tradicional emprazamento. Eles chamaron á mobilización dende a praza da Subdelegación do Goberno. Alí, os rostros de Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez protagonizaron o encontro cos seus siareiros, un encontro que serviu tamén para motivar á cabeza de lista por Ourense, Cuña: “Que a xente esperte, confíe e reme con nós porque é o mellor proxecto e temos o mellor capitán de barco, que é Luís Villares”, dixo.

O BNG pola súa banda rexeitou facer pegada de carteis. No seu lugar, os membros da formación nacionalista concentráronse de igual xeito no Parque de San Lázaro pero por un motivo ben distinto: “por solidariedade coa veciñanza afectada polos lumes”, subliñaba a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas. No seu lugar, procederon a pegar carteis co lema “Nunca Máis”.

Por último, outros partidos como Ciudadanos, Democracia Ourensana e Vía Nova completaron este multitudinario acto de inicio da campaña electoral, que concentrou arredor deste parque a centos de persoas. Por diante inícianse 15 intensos días nos que todas as formacións tentarán o mesmo: convencer á maioría.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button