SanidadeÚltima hora

Ourense obtén 2 premios á Sanidade de Galicia pola súa Unidade de Ictus e a innovación en Microbioloxía

O xurado dos VI Premios á Sanidade de Galicia destacaron a innovación da intelixencia artificial aplicada ao diagnóstico microbiolóxico e o concepto de atención integral da Unidade de Ictus

 

A Unidade de Ictus e o Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario de Ourense foron recoñecidas onte nos “VI Premios á Sanidade de Galicia”, entregados en Santiago de Compostela nun acto que reuniu a representantes das institucións sanitarias, profesionais e entidades do sector de toda a comunidade autónoma.

Entre as catro candidaturas obtidas por proxectos e servizos a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, tamén estiveron como finalistas nas respectivas categorías destes premios, que promove Redacción Médica, o Hospital Universitario de Ourense e o proxecto docente “Venres de Familia”, da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, que esta mesma maña celebrou a última sesión deste curso.

 

 

Microbioloxía: a intelixencia artificial ao servizo do diagnóstico

O galardón obtido polo Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario de Ourense, dirixido pola doutora Isabel Paz Vidal, recoñeceu o traballo desenvolvido para a implantación dun laboratorio automatizado, que incorpora sistemas de intelixencia artificial ao proceso diagnóstico. O proxecto foi distinguido pola súa capacidade para modernizar e optimizar a análise microbiolóxica, mediante tecnoloxías avanzadas de recoñecemento de imaxes e automatización de procesos.

O laboratorio de Ourense é o primeiro de Galicia en integrar intelixencia artificial ao recoñecemento de imaxes de cultivos microbiolóxicos. Chegar a esta fase implicou un intenso traballo ao longo deste último ano, mediante a alimentación e aprendizaxe continua do sistema de recoñecemento, o que esixe unha revisión continua, para facilitar a cada vez maior autonomía do sistema, sempre revisado polos microbiólogos, coa imprescindible colaboración dos técnicos.

A innovación ven da man do novo equipamento do laboratorio, no que a Xunta de Galicia investíu más de 6 millóns de euros na nova cadea robotizada. Este novo equipamento permite mellorar a trazabilidade das mostras, axilizar os tempos de resposta e incrementar a capacidade diagnóstica do servizo, reforzando a seguridade e a eficiencia dos procesos analíticos e incrementar a capacidade diagnóstica dun servizo que procesa, cada mes, máis de 31.000 mostras programadas e urxentes.

O xurado destacou que esta innovación, e o compromiso do servizo cara ao futuro, sitúa ao laboratorio ourensán na vangarda do diagnóstico biolóxico en Galicia, na que son pioneiros na aplicación de sistemas de intelixencia artificial ao recoñecemento de cultivos e á organización do fluxo de traballo microbiolóxico.

 

 

Unidade de Ictus: atención neurolóxica especializada

Outro dos premios recaeu no Servizo de Neuroloxía, en concreto na Unidade de Ictus do Hospital Universitario de Ourense. O xurado puxo en valor a súa contribución á atención neurolóxica da provincia, garantindo unha resposta inmediata e especializada, ante os episodios cerebrovasculares e facilitando o acceso a coidados críticos de alta complexidade para toda a poboación da área sanitaria.

A unidade entrou en funcionamento o pasado ano 2025, e converteu ao Hospital Universitario de Ourense nun dos centros galegos dotados cun dispositivo específico destas características. Conta con seis camas monitorizadas, e atención especializada as 24 horas do día, durante todo o ano, apoiada pola implantación das gardas presenciais de Neuroloxía.

A coordinadora da unidade, María del Carmen Cid, foi a encargada de recoller un premio que recoñece a capacidade deste recurso, para mellorar o prognóstico e a recuperación das persoas que sofren un ictus mediante unha atención especializada, coordinada e de resposta rápida.

Back to top button