ConcellosEn portadaSan Xoán de RíoTrivesÚltima horaVídeos

Ourense ponse en valor como provincia de montaña no peche do VIII Congreso EsMontaña, en Río

Este encontro, co que culminaban os actos da Capitalidade de Montaña 2024 (compartida por Trives, Manzaneda, Río e Chandrexa), era clausurado polo presidente da Deputación de Ourense este mediodía

 

Cunha mesa redonda na que se abordaba o programa Leader e o seu papel no desenvolvemento do rural completábase esta mañá no Auditorio Julio Vázquez de Trives o programa do VIII Congreso EsMontañas, iniciado o 19 de setembro. Nela interviñan Javier Esparcia Pérez, doutor en Xeografía e Socioloxía pola Universidade de Valencia; María Luz Hernández, profesora da Universidade de Zaragoza, e Belarmino Fernández, alcalde de Somiedo e secretario da Rede Española de Desenvolvemento Rural. Como moderadora actuaba Silvia Álvarez, técnico do GDR Sil-Bibei-Navea.

Esparcia referíase ao citado programa como “un instrumento positivo e rendible que mobilizou investimento e dinamizou o territorio”, pero tamén como unha oportunidade perdida porque “non hai conciencia do potencial que ten este programa”. Mari Luz Hernández, pola súa banda, apuntaba que os grupos de acción local deberían ser os grandes xestores do desenvolvemento do territorio rural e aludía ás posibilidades aínda inexploradas que hai por falta capacidades políticas de darlle a importancia que debe ter. O presidente de READER Belarmino Fernández explicaba que un dos retos do Leader é o da substitución xeracional, especialmente, en proxectos relacionados con explotacións gandeiras. A substitución xeracional é a clave de todo, manifestaba.
Cedida.

Despois, os participantes ao congreso trasladábanse ata a Casa do Concello de San Xoán de Río, onde se procedía ao acto de clausura da Capitalidade de Montaña 2024, compartida neste ano por este municipio, conxuntamente cos de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa. Un acto ao que asistía o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Era a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, a primeira en intervir no acto, facendo unha valoración moi positiva do congreso e destacando o seu altísimo nivel. “Saco disto unha serie de conclusións, a primeira delas a importancia da unión, do respecto entre concellos e entre institucións”. Tamén destacaba os dous eixos “nos que centramos o congreso, un deles o ámbito lexislativo e o outro, o tecnolóxico. A min encantoume escoitar a Paco Boya e tamén esa primeira mesa xornada inicial onde se expoñían os problemas que ao final son compartidos non só cos municipios de montaña senón con outros, e a importancia dese estatuto dos municipios”. Domínguez tamén animaba a outros concellos a presentar candidaturas á capitalidade de montaña, “todo se pode e é moi importante compartir estas experiencias” e agradecía o labor da organización e dos ponentes e asistentes.

Seguidamente, tomaba a palabra o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, agradecía o apoio das diferentes administracións e entidades que fixeron posible esta “Capitalidade da Montaña 2024” e este congreso co que se poñía fin á mesma. O rexedor destacaba a boa sintonía na Asociación EsMontaña, logo da asemblea celebrada o 20 de setembro en Trives, “na que non se votou absolutamente nada, todo saíu adiante por unanimidade. E iso gústame”.

 

 

Pérez Blecua apuntaba tamén dúas frases coas que se queda tras este congreso. “A primeira delas é unha de Jaime Izquierdo na primeira das xornadas, ao referirse a como diferenciamos a cidade do rural: cando os descoñecidos se saudan”. En canto á segunda, citaba a frase dun dos eurodeputados participantes no foro: “na loita polos nosos pobos non pode haber pelexas políticas, simplemente hai obxectivos comúns”. O rexedor de Río incidía tamén en que “cando pensamos nestas xornadas, tratamos de europeizalas”, de feito, “contamos con dous eurodeputados que nos deron a súa visión, a parte de dous expertos no tema, sobre como deberiamos traballar agora en Europa que empeza un novo ciclo de 5 anos, hai cousas boas e outras malas”. Tamén agredecía o labor de EsMontaña na súa posta en valor destes territorios do rural.

 

 

A continuación tomaba a palabra o presidente de EsMontaña, Miguel Gracia, quen agredecía a colaboración dos alcaldes dos concellos que neste 2024 compartían a Capitalidade de Montaña, “e das xentes destes territorios, o trato, tamén a gastronomía e sobre todo, agradecer á Deputación de Ourense a súa colaboración, sen o cal isto non tería sido posible”. Gracia sinalaba así mesmo que, “Ourense e Huesca, non coincidindo tampouco en cores políticas, sempre tivemos un contacto permanente e moitos problemas comúns de despoboación e montaña e sempre houbo un entendemento en diversas cuestións”. E recoñecía que non coñecía este territorio, “eu coñecía a Ribeira Sacra dende o outro lado, do de Lugo, e si que me sorprendeu este país tan de montaña, porque temos máis na cabeza o Pirineo, que é outro tipo de montaña, pero descoñeciamos isto, por iso descubrir este territorio é bo”.

Gracia facía un rápido repaso das diferentes actividades desta Capitalidade, comezando polas xornadas de Chandrexa, centradas nas novas concesións hidroeléctricas e territorio: logo as de Manzaneda que abordaban a gandería extensiva e o forestal; en Trives sobre servizos, lexislación e oportunidades e en San Xoán no proxecto Leader.

 

 

E remataba falando sobre a asemblea de EsMontaña, que tiña lugar onte en Trives. “Isto ten valor se ten consenso, e os temas adiante por unanimidade”. En concreto mencionaba dous asuntos abordados, un deles a apertura da convocatoria da nova Capitalidade, “que intentaremos facer o traspaso na Deputación de Ourense”. E refaríase ao novo modelo de territorio escollido este ano, xa que por primeira vez a Capitalidade era compartida entre varios concellos. “Penso que isto é moi interesante, o territorio é moi importante xa que permite incluír máis poboacións e unha marca que pode ter máis impacto a nivel nacional”. O segundo asunto que citaba Gracia era a aprobación de que na próxima executiva, prevista para dentro dun mes, se presentará “unha resolución para facerlle aos grupos parlamentarios en dúas cuestións: o estatuto dos pequenos municipios e outra proposta referente ao tema do financiamento”.

Luis Menor: “Ourense tamén é montaña e temos moitas oportunidades que explorar”

Os actos desta Capitalidade de Montaña 2024 concluían coa intervención do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que resaltaba que este importante recoñecemento supuxo unha honra para a provincia de Ourense no seu conxunto, “porque Ourense tamén é montaña e nestas zonas temos moitas oportunidades que explorar”. Nese senso, aludía á singularidade desta capitalidade “coa que iniciamos en Ouerense un ciclo que é, non tanto centrarse nun maior ou menor éxito dunha localidade de montaña, senón que aquí escolleuse un territorio de montaña conformado por catro concellos cunha composición homoxénea en moitas cousas, como pode ser o ámbito morfolóxico e territorial, pero tamén con diferenzas, polo que actuamos sobre maior poboacións, maiores diferenzas e plantéxanse problemas diferentes que enriquecen o debate as necesidades sobre as que hai que actuar. E iso debe agudizarnos o enxeño para resolver estes problemas con novas vías. Penso que estas catro capitalidades de montaña convertéronse nunha fortaleza”.

 

 

Menor agradecía o labor de Miguel Gracia, xa que “os teus plantexamentos son realistas e que facilmente se poden abordar por unha institución provincial e, ademais, demostras que eses plantexamentos son posibles e eficaces, porque teñen un retorno moi importante no territorio”. Comentaba seguidamente que o obxecto do VIII Congreso de EsMontañas, onde se profundaron nas claves para manter vivos os pobos de montaña, “é sen dúbida, un dos propósitos, se non o máis grande, de cuantos nos propoñemos quenes temos a inmensa honra de representar ao noso territorio como alcaldes e alcaldesas”. E iso sen esquecer que a despoboación segue afectando especialmente os municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes, territorios en moitos casos tamén con altísimos niveis de dispersión da poboación. “Precisamente, esa é a situación dos pobos de montaña e ese é a análise de partida deste Congreso, no que se abordaron dous eixos moi importantes: o da lexislación e o do desenvolvemento intelixente”, recalcou o presidente provincial.

A este respecto, Luis Menor amosouse confiado “en que este traballo tan rigoroso, multidisciplinar e tocando todas as áreas posibles, teña o seu eco nas Cámaras e pronto podamos ver leis que blinden os nosos pobos de montaña. Confío en que o sementado aquí este ano siga agromando e frutificando nun futuro prometedor para os nosos municipios de montaña”.

Luis Menor tivo palabras de agradecemento para o presidente de EsMontañas. Miguel Gracia, “por escoller a provincia de Ourense como Capitalidade de Montaña de España durante 2024, dándonos a oportunidade de debater e poñer de manifesto as necesidades destes territorios, ao tempo que felicitou ás alcaldesas e alcaldes que formaron parte deste proxecto “e que reivindicaron e defenderon as particularidades dos seus municipios.

O presidente provincial tamén recolleu a proposta para acoller o acto de traspaso da capitalidade. Será a partir do próximo día 23, e durante un mes, cando se proceda á apertura do prazo de presentación de candidaturas para a seguinte reunión dos municipios de montaña de España. O acto pechábase coa interpretación do himno galego por un grupo de gaitas e, logo, os asistentes facían un percorrido por Río, visitando lugares como a igrexa parroquial.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button