
O campo municipal de Oira acollerá este domingo, 27 de setembro, ás 12.00 horas o partido de ida da eliminatoria previa da Copa do Rei de fútbol entre o Auriense C. A. e o Club Deportivo San José de Soria.
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación do encontro baixo o lema “Ven vivir o soño da Copa do Rei, unha cidade unida pola copa”. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; a concelleira de Mobilidade, Ana Fernández; o presidente do club, Manu Cerón; o director técnico, César Sánchez; o adestrador, Dani Prado, e o capitán da formación ourensá, Sergio Cuña.
O Auriense accede a esta rolda previa tras proclamarse campión da Supercopa de Galicia fronte ao Negreira. O cruce decidirase no partido de volta o domingo, 4 de outubro. De superar a eliminatoria, o conxunto local enfrontarase a un rival da máxima categoría do fútbol español.
O capitán, Sergio Cuña, destacou a relevancia da cita: “Para nós esta eliminatoria é moi ilusionante, porque estamos a un pasiño de xogar contra un Primeira División, e máis diante da nosa xente”. Recordó que “para chegar ata aquí pasamos moitos partidos entre Copa e Supercopa, un esforzo que hai que poñer en valor, tanto dos xogadores deste ano como dos do ano pasado”. Así mesmo, fixo un chamamento á afección: “Que veña a Oira e apoie, que nos fai falta”.
Pola súa banda, o adestrador, Dani Prado, sinalou que o equipo acode “coa ilusión de facer historia para o club”. “Para a cidade sempre é positivo recibir un conxunto de Primeira División, con todo o que iso conleva. É un partido especial, sobre todo se conseguimos pasar á seguinte rolda, para facer que se enganche máis xente e para darnos un pouco máis a coñecer. A afección é un activo moi importante para nós”, asegurou. Prado prevé un choque “moi igualado contra un rival da mesma categoría, dunha comunidade autónoma diferente, o que cambia un pouco o estilo. Se eles están aquí, no mesmo sitio ca nós, é por algo tamén”.