
Ourense converterase este mes en punto de encontro para profesionais sanitarios de todo o país coa celebración este mes de febreiro dunha xornada especializada sobre dor oncolóxica, impulsada pola Sociedade Española da Dor (SED) e a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) organizada por Luz Cánovas, xefa do Servizo de Anestesia e Reanimación, promotora e responsable dunha das Unidade de Dor decanas a nivel nacional e de recoñecido prestixio neste eido.
A presentación da xornada, que se fixo coincidir coa véspera do Día Mundial contra o Cancro —que se celebra mañá—, reforzou a mensaxe de sensibilización, investigación e mellora da calidade de vida das persoas con cancro. O acto estivo a cargo de Luz Cánovas e Jesús García Mata, xefe do Servizo de Oncoloxía e membro activo da SEOM, acompañados por José Antonio Ortigueira, director de soporte da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Este último destacou que a elección de Ourense, como sede deste encontro nacional pon de relevo o papel do Hospital Universitario e dos seus profesionais no eido oncolóxico e no manexo da dor.
Multidisciplinar e práctico
As xornadas contarán cunha dobre sede. O venres 27 de febreiro, celebraranse as sesións teóricas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, mentres que o sábado terán lugar no Hospital Universitario de Ourense as actividades prácticas, con simulacións clínicas, casos reais e participación directa de profesionais de oncoloxía, anestesia, unidades da dor, enfermería e atención primaria. Un enfoque transversal que reflicte a necesidade dun abordaxe coordinado e multidisciplinar para mellorar a calidade de vida das persoas con cancro.
A formación práctica intensiva do sábado desenvolverase nas aulas docentes do hospital, onde se recrearán consultas clínicas e tratamentos, en pacientes reais, para analizar casos complexos de dor oncolóxica, combinando avaliación clínica, exploración física e debate terapéutico. A formación completarase no quirófano coa aplicación de técnicas intervencionistas sobre simuladores (“phantoms”).
A participación estará limitada a un máximo de cen asistentes e contará con especialistas procedentes de Galicia, Salamanca, Barcelona, Oviedo e Madrid, así como con profesionais de unidades de referencia como os hospitais de Sant Pau (Barcelona) e La Princesa (Madrid).

A importancia da dor no proceso oncolóxico
O obxectivo principal do tratamento oncolóxico é a curación e o aumento da supervivencia, o que durante anos relegou o manexo da dor a un segundo plano. A creación das Unidades da Dor —Ourense conta coa primeira posta en marcha en Galicia e cunha das primeiras a nivel nacional— contribuíu a cambiar esta visión, xerando unha maior coordinación cos servizos de Oncoloxía. Estes teñen tamén un papel fundamental no coñecemento e manexo da dor, derivando á Unidade da Dor aqueles casos máis complexos.
A prevalencia da dor nas persoas con cancro é moi elevada, especialmente nas fases activas e avanzadas da enfermidade, e en tumores como o de pulmón ou o de páncreas. Ademais, a dor pode ser consecuencia dos propios tratamentos oncolóxicos, como a quimioterapia ou a radioterapia, que poden provocar patoloxías como a neuropatía periférica postquimioterapia.
Nos longos superviventes, é dicir as persoas que, tras ser diagnosticada de cancro, viven durante moitos anos, ben porque superaron a enfermidade ou porque esta está controlada, a dor asociada aos tratamentos afecta aproximadamente entre o 35 % e o 40 % das persoas, referíu a doutora Cánovas, unha realidade cada vez máis frecuente debido ao aumento da supervivencia grazas aos avances terapéuticos.
Luz Cánovas subliñou tamén que a Unidade da Dor de Ourense atende ao redor de 300 pacientes oncolóxicos ao ano, tanto persoas con enfermidade activa como longos superviventes, cunha tendencia crecente. Esta intensa actividade, segundo sinalaron ambos especialistas, débese á coordinación entre os servizos de Oncoloxía e a Unidade da Dor, o que permite abordar de forma eficaz situacións de dor complexa, refractaria e recorrente, cun importante impacto emocional tanto nos pacientes como nas súas familias.
17.322 novos casos en Galicia
A relevancia destas xornadas enmárcase nun contexto no que o cancro continúa a ser un importante problema de saúde pública. Segundo o último informe do Rexistro Galego de Tumores (REGAT), correspondente ao ano 2023, en Galicia rexistráronse, ese ano, 17.322 novos tumores incidentes (excluíndo os de pel non melanoma): 9.957 en homes (57,5 %) e 7.365 en mulleres (42,5 %). Isto supón unha incidencia de 767 novos casos por cada 100.000 homes e 526 por cada 100.000 mulleres.
A incidencia aumenta coa idade, concentrándose o 70 % dos casos nos homes e o 60 % nas mulleres maiores de 65 anos. Nos homes, os tumores máis frecuentes foron os de próstata (26,4 %), pulmón (14,6 %) e colorrectais (14,3 %). Nas mulleres destacaron os de mama (32,5 %), colorrectais (13,4 %) e pulmón (7,9 %). En Ourense, nese mesmo ano, rexistráronse 1.272 tumores en homes e 846 en mulleres.