
O Campo Municipal de Oira converterase unha vez máis nun escenario de solidariedade coa celebración do VI Partido Benéfico contra o Cancro de Mama, unha iniciativa impulsada con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama que terá lugar o vindeiro xoves 22 de outubro ás 19 horas.
Baixo o lema “Tomámolo a peito”, a campaña deste ano continúa dando voz ás persoas que viven ou conviviron co cancro de mama. Trátase dunha iniciativa cocreada e protagonizada por pacientes, sobreviventes e a súa contorna, que busca visibilizar a realidade da enfermidade máis aló dos tratamentos e das estatísticas, mostrando o impacto físico, emocional e social que ten nas súas vidas. Sobre o terreo de xogo enfrontaranse os equipos da Escola de Fútbol Feminino Rosalía e Mulleres de Ourense, nun encontro que volverá simbolizar o compromiso da sociedade ourensá coa loita contra o cancro de mama.
Nesta sexta edición, a Asociación fai un chamamento á participación de toda a cidadanía, animando ás veciñas e veciños da provincia a adquirir a súa entrada e converter a súa asistencia nun xesto de apoio ás miles de persoas afectadas por esta enfermidade.
Cada entrada vendida representa un paso máis na investigación, a ferramenta máis eficaz para continuar mellorando a prevención, o diagnóstico precoz, os tratamentos e a supervivencia das pacientes. O obxectivo é volver encher as bancadas de Oira e demostrar que Ourense segue comprometida coa loita contra o cancro.
As entradas teñen un prezo solidario de 5 euros e estarán dispoñibles ata esgotar as 1.000 localidades postas á venda. Ademais, todas aquelas persoas que non poidan asistir terán a posibilidade de colaborar a través da fila cero, contribuíndo igualmente á investigación.
Durante o descanso do partido celebraranse diversos sorteos grazas á colaboración de empresas e entidades da provincia, que achegaron agasallos e experiencias para facer desta xornada unha verdadeira festa solidaria.
O encontro poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube da EFF Rosalía, facilitando a participación de todas aquelas persoas que non poidan desprazarse ata o campo.

Puntos de venda das entradas
As entradas para o VI Partido Benéfico poden adquirirse nos seguintes puntos:
• Sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense (rúa Doutor Marañón, 21-baixo).
• Oficina da Asociación no CHUO (Hospital Santa María Nai de Ourense).
• Sede da EFF Rosalía .
• Cafetería Pabellón (avda. Pardo de Cela, s/n).
• Oficinas e representantes dos grupos municipais.
Tamén está habilitada a fila cero a través da conta de ABANCA: ES68 2080 0475 5630 4000 0077
Un partido para sumar forzas fronte ao cancro
A celebración deste encontro constitúe xa unha cita consolidada no calendario solidario da cidade. Máis aló do resultado deportivo, o partido busca reunir a institucións, empresas, entidades colaboradoras e cidadanía arredor dun mesmo obxectivo: impulsar a investigación contra o cancro de mama e mostrar apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
Desde a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense quérese facer un chamamento especial á sociedade para que non deixe pasar a oportunidade de colaborar, lembrando que detrás de cada entrada hai esperanza, avances científicos e máis oportunidades para as pacientes actuais e futuras.
Colaboracións
A colaboración de numerosas entidades comprometidas coa causa, entre elas a Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Consello Municipal de Deportes, EFF Rosalía, Ourense CF, Tamarindo Patio Bar, Raíces Tamarindo, Farma Laura, Restaurante Tizar Gourmet, Leticia Celaá Beauty Lounge, O Meigallo a Ourensana, Alar Centro, Escuela Hapkido, Turbo Centro de Adestramento, Amodo Tenda e a propia Asociación Española Contra o Cancro, entre outras.