
Tras varios adiantos que foron marcando o rumbo da súa nova viaxe musical, Pablo Lesuit publicaba a mediados de outubro o seu novo álbum, Camiño das Rocas, que supón unha “reafirmación do universo artístico do músico músico e produtor galego (profundamente conectado coa escena independente iberoamericana), un son que evoca o rock e a psicodelia dos 60′ e que celebra a autenticidade, a vulnerabilidade e a procura dun camiño propio nun mundo cheo de imposicións”.
Así, como un relato de madurez creativa Lesuit o espectáculo chega a Valdeorras este venres día 5 decembro nun concerto único que terá lugar no Centro Cultural Avenida da Rúa a partir das 23 horas.

En palabras do propio músico, o álbum é “un convite para asumir o risco de ser un mesmo e a manterse fiel ao que realmente somos, mesmo cando o mundo empúxanos ao contrario”. A canción O Importante, un dos temas máis directos e punk do disco, álzase como manifesto xeracional fronte á tiranía das aparencias, mentres que A vida que levo, xunto ao brasileiro Paulo Novaes, gañador dun Latin Grammy, celebra a presenza, o amor cotián e a conexión coa infancia.
O lanzamento deste traballo chega tras colgar o cartel de non hai entradas en La Casa Encendida (Madrid), onde Pablo Lesuit ofreceu un concerto íntimo e vibrante que anticipou a enerxía da súa nova etapa. Na súa xira galega actuou xa en Vigo, A Coruña e Santiago, rematando en Ferrol tralo seu paso pola Rúa.

Ao longo da súa carreira, Pablo Lesuit teceu unha narrativa musical que reflicte tanto a súa viaxe persoal como a súa constante procura de novos horizontes sonoros. Na súa discografía destacan álbums como Tempo (2015) e Belorizonte (2020), co que terminou en 2024 unha xira de máis de 100 concertos entre España e América Latina. Camiño das Rocas, encapsula a responsabilidade de ser fiel a un mesmo e a satisfacción de aceptar quen somos, un tema que atravesa todo o álbum desde distintas perspectivas. “Este álbum explora paisaxes sonoras diversas, cunha forte influencia do rock dos anos 60, reinterpretados desde a perspectiva única de Galicia e Buenos Aires”, do que poderá desfrutar o público valdeorrés.
O prezo da entrada é de 5 euros no Concello e 6€ euros na taquilla.
