
O escritor e pintor Paco Ascón presentaba en Xares (A Veiga) o seu novo libro Habelas Hainas. Los amores de Herminio y Divina, na pasada fin de semana, en concreto 15 agosto na Escola de Xares.
Publicada por Andrómena Senlleira, selo editorial de Orixe Publicidade, Habelas Hainas é unha novela “estreitamente ligada á paisaxe, ás lendas e ao universo máxico galego. A novela achégase ao misterio das meigas desde unha perspectiva humana e literaria, a través dunha historia na que o amor tenta non naufragar entre as forzas visibles e invisibles que condicionan a vida dos seus protagonistas”, segundo explica a editora do libro.

Durante o acto, Paco Ascón falaba sobre a orixe da novela, o seu proceso creativo e a importancia que teñen nela as raíces culturais e emocionais da contorna. A presentación contou tamén coas palabras de Avelino Jácome, editor da obra e responsable de Andrómena Senlleira, que non puido asistir persoalmente ao encontro.
A súa intervención foi lida pola mestra Piedad Valencia, quen trasladou aos presentes unha agarimosa mensaxe dedicada a Paco Ascón, na que destacou tanto o valor da novela como a amizade e o compromiso cultural compartidos co autor.
Fotos cedidas.
