Nesta fin de semana Pantón acolle a celebración da XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra. O seu acto inaugural, celebrado na tarde de onte, contaba coa asistencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Alí, salientou a excelencia dos produtos vitivinícolas galegos e o bo facer dos axentes do sector.
Nesta edición, nove adegas da zona, amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, participan para amosar entre os asistentes a calidade dos seus viños. Por iso, a conselleira puxo en valor esta feira coa que se enxalza o labor dos viticultores nun enclave excepcional como é a Ribeira Sacra, un territorio marcado por este sector.
Actualmente esta DO conta cunha superficie inscrita de máis 1.300 hectáreas, case 2.170 viticultores e preto dun cento de industrias, cuxo valor no mercado supera os 21 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira do Medio Rural destacou a importancia deste sector para Galicia e lembrou a importante aposta do Goberno autonómico por el, consolidado como unha das potencias económicas do agro na nosa comunidade.
Ademais, María José Gómez recalcou o apoio ao sector vitivinícola a través de diferentes axudas como son as de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, convocadas no pasado mes de abril cun orzamento de 4 millóns de euros, as que financian accións de promoción en terceiros países ou as destinadas a apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.
Promoción
A titular de Medio Rural destacou os esforzos do Executivo autonómico por fomentar a calidade dos produtos agralimentarios, así como a aposta pola súa promoción nos mercados. Neste sentido, o investimento en promoción para a mellora do posicionamento destas elaboracións materialízase a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada, ao que se destinan máis de 8 millóns de euros para financiar este tipo de actuacións e as achegas dos consellos reguladores.
Cómpre salientar que esta mesma semana, a Xunta estivo presente cun expositor na Feira Nacional do Viño celebrada en Cidade Real, na que participaron empresas do sector pertencentes á DO Ribeira Sacra.