
Por primeira vez, Parada de Sil celebrará o Día internacional dos Museos. “Dado que agora a colección Museística Casa do Chocolate está recoñecida oficialmente pola Xunta de Galicia, o concello fará un día conmemorativo”, adiantan dende o Concello.
O seu alcalde, Aquilino Domínguez, impulsa a celebración dunha xornada de portas abertas co obxectivo “de seguir poñendo en valor este espazo, único en Galicia e dalo a coñecer máis”. A proposta xurde do padroado do museo e, nomeadamente de Rosa e Loli Casares, embaixadoras deste espazo, a quen o alcalde lle agradece o seu continua esforzo.
Ese día non haberá visitas con reserva na web, as entradas serán gratuítas con visita guiada e degustación de chocolate nas catro tandas de visita, dúas pola mañá e dúas pola tarde e o chocolate servirase acompañado de galletas que levan como decoración en chocolate o nome de Casa do Chocolate.
Todas as persoas que queiran asistir deben reservar no teléfono 689683713 ou no mail turismo@paradadesil.es, Non se pode reservar na web por ser a visita gratis.
Dende o Concello de Parada de Sil anímase ós ourensáns a que acudan a pasar o día a Parada de Sil e degustar o noso chocolate Casares.